Baixo o lema “ A nosa fala. Na súa acea a amoerse até o pan do porvir” de Ricardo Carvalho Calero, a pesar da imposibilidade de celebrar o acto coas súas características habituais, a asociación Premios da Crítica da anunciou os gañadores e gañadoras dos galardóns que outorga, coa intención de “recoñecer a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos de 2019”.
As oito categorías galardoadas abranguen, a Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. O xurado estivo composto por oito grupos, para cadansúa categoría premiada, e ditaminou de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.
Na categoría de Creación Literaria, a obra premiada foi Feliz Idade, da poeta Olga Novo, un poemario do que o xurado destacou que “a forza lírica converte as vivencias persoais nun feito poético universal”.
No terreo das Artes Plásticas o galardón foi para os Monicreques de Kukas, “unha compañía pioneira na Galiza”. Co premio, o xurado tamén quixo recoñecer a todo un xénero teatral.
O portal GCiencia, recibiu o galardón Iniciativas Culturais e Científicas, “polo fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en galego e para un publico xeralista”.
O que arde, de Oliver Laxe, recibiu o Premio da Crítica na categoría de Cine e Artes Audiovisuais, “por supór un fito para o noso cinema e por tratarse dun cineasta singular”.
Na modalidade de Investigación, o premio recaeu en Anarquistas galegos en América, de Bieito Alonso, segundo o xurado, “unha obra de investigación rigorosa, propia e sintética coa que se afonda e anova”.
Margarita Viso recibiu o premio da Música e Alfonso Costa o das Artes Plásticas. A Festa do Marisco do Grove foi merecedora do galardón de Cultura Gastronómica.