domingo 25/10/20

Olga Novo, poeta: "A poesía é unha forma de ollar a vida e de estar nela a través do amor"

O semanario Sermos Galiza, que atoparás este sábado nos quiosques ou para a súa lectura na nube acompañando a Nós Diario, ofréceche unha entrevista coa poeta. Así mesmo, aprenderás máis sobre a vida das mariscadoras e os novos proxectos audiovisuais galegos.
Imaxe da entrevista a Olga Novo que publica mañá 'Sermos Galiza'. (Foto: Nós Diario)
Imaxe da entrevista a Olga Novo que publica mañá 'Sermos Galiza'. (Foto: Nós Diario)

Todo poema nace da intensidade creativa, do trallazo, e desde logo non procura a perfección formal, senón a emanación do amor". Iso di Olga Novo sobre a poesía. E podería ser unha axeitada definición da súa propia escrita que é sempre fervenza. Corrente volcánica. Vida, e non só exercicio literario. Novo vén de gañar por segunda vez o Premio da Crítica Española na categoría de poesía en galego. Desta volta foi con Feliz Idade (Kalandraka), celebración dos afectos como alicerce vital. Repasamos con ela a súa obra.

E segunda vez, desde Cráter, que leva o premio da crítica española na modalidade de poesía en galego. Como recibiu o novo premio?

Con total sorpresa, pois evidentemente é un premio ao que unha non se presenta, así que non é agardado. En todo caso, agradezo a distinción, porque implica unha lectura sensíbel do mundo que habita este libro.

En Feliz Idade encóntranse unha nena e o seu avó, que vai voltando á infancia a causa do alzhéimer. En que sentido é este libro unha celebración dos afectos?

Ese precisamente é o senso profundo do libro: a celebración do amor, máis aló do tempo, mesmo máis alá da propia vida, como o piar esencial no ciclo da existencia. O corazón desta obra asenta no encontro marabilloso dunha vida que nace e doutra que se apaga, ese breve pero intenso fragmento vital que gozan xuntos avó e neta. Asistir a ese momento, ter contribuído a esa experiencia é unha gran lección poética case inefábel, por iso esta escrita bordea a linguaxe e sitúase no seu límite en moitos momentos. A aceptación da morte no ciclo da existencia, o amor que traspasa a materia e o canto comunal de integración na intrahistoria natural deume a cifra exacta da felicidade como un tempo outro que está fóra das datacións convencionais. Así, fronte ás taxonomías clásicas de Idade da Pedra, do Ferro, ou do Bronce, eu quixen traer a primeiro plano a Feliz Idade: un tempo de medición emocional radicalmente humano.

O avó da nena é, para a voz poética, o pai labrego contador de historias que, a consecuencia da enfermidade, busca novas formas de comunicarse. Que é "falar en paxariño"? De que modo a ensinanza do pai permea este libro?

Falar en paxariño é a procura dunha linguaxe afectiva non-verbal cando a posibilidade da palabra desaparece pola enfermidade. A ollada, o tacto, o xesto, revelan entón por unha banda os límites da linguaxe verbal e por outra a inmensa formulación do afecto por outros medios, igualmente fulgurantes e intensos. A ensinanza do pai está en todo o libro, en todos os meus libros, porque el está para sempre en min. Está na transmisión dos saberes do campo, na expansividade oratoria, no vitalismo innato, na memoria comunal, na paixón, no humor, no amor. Está nun eco ancestral que me atravesa constantemente pedindo a palabra. A escrita no meu caso ten moito de escoita e de diálogo transtemporal que abrolla coma unha música, que enleva, que eleva, que revela.

"É necesario atopar refuxio no esencial, no profundo, no verdadeiramente importante para sobrevivir na beleza ante tanta barbarie", dixera, citando a Claudio Rodríguez Fer. Como conecta este libro e, en xeral, os seus poemarios, con esta idea?

Claudio escribe "Beleza ou barbarie", e esta contraposición ensínanos que a beleza da vida é quizais o último acubillo que nos queda ante a barbarie do mundo. Pero hai que saber vela, querer vivir nela. E perseverar, aínda que sexa tan difícil nunha sociedade do superficial, do frívolo e da absoluta devoración do humano polo capital.

"Hai poetas que non escriben un só poema, pero que practican a poesía cos seus actos cotiáns da vida", dixera tamén. Por que?

Creo que a poesía é primeiramente unha forma de ollar a vida e de estar nela a través do amor na súa dimensión máis ampla, máis profunda. E esa sensibilidade precede a escrita ou pode mesmo non desembocar nela e manifestarse doutros modos. Neste senso, versificar non ten por que implicar a poesía. E ser poeta non ten por que implicar a versificación.

Ademais da entrevista a Olga Novo, que asina Montse Dopico e vai acompañada das imaxes de Anxo Cabado, no Sermos que sae publicado mañá tamén poderás gozar cunha interesante reportaxe sobre un dos traballos que tamén implica botarse ao mar. Elena Buch fala polo miúdo dunhas protagonistas da Galiza en “Mariscadoras. Tamén a bordo”.

A xornalista Irene Pin fornece todas as chaves das novas creacións artísticas na reportaxe “Cortocurcuíto. Así abrolla o novo audiovisual”. Na sección Andar e Ver, desta vez o Colectivo Xea (formado por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo) trasládate ao Val de Vilameá e á Mina das Sombras. Paisaxes únicos no concello de Lobios, na Baixa Limia, malia os incendios que afectaron ao municipio hai escasas semanas.

Como noutras ocasións, non quedarán sen debullar as mellores novidades nos ámbitos dos libros, a música, o cinema e a cociña. As e os expertos Mario Regueira, Inma Otero Varela, Mario Vilariño, Carlos Penela, Andrés Castro, Mercedes Espiño e Anxo Ril deixan unha boa lista para descubrir no tempo de lecer. Tampouco faltarán as páxinas de Pasatempos tecidas por Xoán Costa.

Vas poder ler todos estes interesantes contidos no Sermos Galiza que estará mañá nos quiosques acompañando a Nós Diario. Tamén podes facerte co teu exemplar para a súa lectura na nube. E xa está tardando esa subscrición que vai facer todo máis sinxelo: anímate dunha vez!

 

comentarios