Estrea de 'A amnesia de Clío' en Compostela e A Coruña

A ópera distópica de Fernando Buíde

Clío é a musa grega da historia e a poesía heroica. Filla de Zeus e Mnemosine -como todas as nove musas-, nas innúmeras representacións que coñeceu ao longo da historia das artes aparece cun libro na man. O volume é do historiador Tucídides, que viviu durante o século V antes de Cristo e redactou a Historia da guerra do Peloponeso. Desta imaxe que atravesa os tempos partiu Fernando Buíde (Compostela, 1980) para compoñer a ópera A amnesia de Clío, estreada o pasado 10 de novembro na súa cidade natal.
AamnesiadeClio 2
photo_camera Imaxe da representación da 'Amnesia de Clío' no Auditorio de Galiza en Compostela. Foto: Real Filharmonía de Galiza.

A versión do mito segundo Buíde parte dun texto do dramaturgo ourensán Fernando Epelde (Ourense, 1980). «Quixemos situar Clío no mundo contemporáneo», explica o músico a Nós Diario, «enfrontámola con personaxes de hoxe en día». O expresidente dos Estados Unidos George Bush Jr., a chanceler alemá Angela Merkel ou a sarxento Leslie Zimmerman das tropas imperiais no Iraq pasan polo escenario do que o autor define como «ópera distópica».

Porque A amnesia de Clío, que este 12 de novembro se representará no Teatro Colón da Coruña, naceu dunha inversión respecto da idea dominante sobre a musa. «A musa é unha muller e o artista é un home», afirma Buíde, «que sucede se lle damos a volta?». No libreto Clío convértese «nunha muller forte, unha artista plástica cunha vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política». O compositor elaborou a obra, concibida para tres solistas vocais, coro e orquestra sinfónica, en estreita colaboración co escritor Epelde e mais coa directora escénica Marta Pazos, responsábel artística da compañía Voadora.

«Trátase dunha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción políticas entrecrúzanse para dar lugar a unha ópera contemporánea, cun pé na realidade e outro na distopía, unha distopía feminista», esténdese Buíde nos documentos promocionais. Non obstante o emprego do concepto de distopía, nega aspectos ominosos no seu traballo: «Máis ben construímos unha realidade fantástica, non exactamente pesimista».

O creador, doutorado na universidade norteamericana de Yale e na tempada 2014-2015 o compositor máis programado por orquestras sinfónicas do Estado, confésase «amante» do xénero e «das heroínas femininas da ópera». «De entrada non tiñamos moi claro cara onde ía o libreto», asegura, «queriamos unha muller forte. Pensamos en varias personaxes do século XX ou XXI. Finalmente decidimos quedar con Clío». Máis de dous anos de traballo desembocaron en hora e media de ópera.

«Existe máis ópera galega da que aparenta haber», expón Buíde á hora de se referir a unha xenealoxía desta forma artística nada na Italia do século XVII. Rogelio Groba (Ponteareas, 1930), Fernando Vázquez Arias (Melide, 1957) ou Juan Durán (Vigo, 1960) son algúns dos colegas que menciona.

Detrás e diante

Na creación, produción e escenificación da Amnesia de Clío participaron arredor dun cento de persoas, entre artistas e técnicos, «unha equipa moi grande». Ás táboas chega da man da Real Filharmonía de Galiza, que canalizou o proxecto, derivado dunha bolsa Leonardo da Fundación BBVA. Voadora encargouse de artellar as comunicacións entre as diferentes institucións que participan: amais de orquestra e compañía teatral, a Asociación Amigos da Ópera de Compostela e a Xunta, con apoio de Deputación e concellos da Coruña e Santiago.

«É moi complexo levantar algo como unha ópera», admite, «esta puidose levar adiante grazas á boa colaboración institucional». A primeira ópera que Fernando Buíde escribe e a primeira que representa chegará a Ourense, despois do paso por Compostela e A Coruña, a quinta feira 14 de novembro. Só como concerto, sen posta en escena.

O papel da musa Clío interprétao a soprano canaria Raquel Lojendio, que fixo parte de versións da Frauta máxica ou da Traviata. De George W. Bush fai o barítono valenciano Sebastià Peris, en cuxo currículo figuran La Bohème ou Madama Butterfly. Como Angela Merkel e Leslie Zimmerman está a mezzosoprano cántabra Marina Pardo, antes nas Vodas de Figaro ou O barbeiro de sevilla.

O elenco vocal complétao o Orfeón Terra A Nosa, que dirixe Miro Moreira. Á fronte da Filharmonía atópase o seu director artístico titular, Paul Daniel, «que estivo en contacto co compositor desde o comezo». Con el colaborou, en función de director asistente, o mestre galego Pablo Devigo, actualmente na Carmel Symphony Orcehstra dos Estados Unidos e mais no Teatro da Ópera da Universidade de Indiana.

Comentarios