Oito compañías na Mostra de Teatro Afeccionado de Rianxo

Seis xornadas repartidas entre esta e a vindeira fin de semana acollerán a segunda Mostra de Teatro Afeccionado Alter Ego de Rianxo. Lowcost por Shakespeare, da compañía compostelá Tolemia Teatro, abrirá o festival esta sexta feira, ás nove na sala Arcos Moldes do auditorio municipal. Nove obras completan o programa.
 

Auditorio_municipal_de_Rianxo
photo_camera Auditorio municipal de Rianxo, que acolle a mostra teatral Alter Ego.

O sábado 30 de setembro, ás doce da maña na Biblioteca Municipal, Dinamo Teatro -de Oleiros- ofrecerá Contos e outras Andrómenas, espéctaculo para os cativos en que o actor Pedro Brandariz emprega narración oral, maxia cómica e xogo. Pola tarde será a quenda de Down Compostela  con Arturo, Arthur, Artur, unha variación da lenda artúrica a cargo desta asociación de persoas con discapacidade, ás oito e media no auditorio de Rianxo.

O domingo só haberá sesión de serán, no auditorio, da man de Vacaloura Teátrica, de Compostela. A obra Enclave D. X. reflexiona sobre o machismo nas artes nunha mestura de realismo e fantasía. A mostra continuará a fin de semana do 6, 7 e 8 de outubro con Pindirico Show de Dínamo Teatro, Terapia de Bar de O Aturuxo de Melpómene, Percubebé da compaía Urdime, Gretel de Teatro do Improvisto e mais Xogo de Xoias da Agrupación Teatral Criaturas.

O Alter Ego organízao esta última agrupación, Criaturas, de Rianxo, e mais o concello da vila.

Comentarios