As compañías Elefante Elegante e Nauta levan o seu teatro a Fetén

O encontro de Xixón é o máis prestixioso no eido do teatro familiar.
Unha escena de 'Kyoki', de Elefante Elegante. (Foto: Vanessa Rabade)
photo_camera Unha escena de 'Kyoki', de Elefante Elegante. (Foto: Vanessa Rabade)

Kyoki, o último espectáculo da compañía de teatro físico Elefante Elegante, vén de ser seleccionado para participar en FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importantes do sector que se celebra anualmente en Xixón.

A nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro vaise representar o vindeiro 29 de febreiro no Centro de Cultura Antiguo Instituto. Kyoki forma parte dos 76 espectáculos escolleitos entre as máis de 800 propostas recibidas en FETEN na súa 33ª edición. Amais de Elefante Elegante, outra compañía galega, Nauta Teatro, vai participar tamén na feira que se desenvolverá entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo. 

 

Memoria e ecoloxía

O alzhéimer desde unha perspectiva poética é o fío condutor de Kyoki, unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria; unha obra cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade. Protagonizada por María Torres, e dirixida por Gonçalo Guerreiro, Kyoki -'demencia' en xaponés- é unha creación destinada ao público familiar, un espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. 

Pola súa parte, Nauta presentará no festival asturiano Gaia Baba, a meiga, un espectáculo, dirixido por Rafael Rey e interpretado por Carlos Gallardo, Raquel Garabal e Pilar Pingarrón, de vocación ecolóxica.

O mundo, devorado polos residuos, perdeu a súa cor. Frío, gris e cuberto de desperdicios é reinado por unha terrible catástrofe: o lixo. Seres sen piedade impóñense como amos incontestábeis dunha terra erma.  Sen embargo, alguén queda coa esperanza de que a natureza recupere os seus dereitos: Gaia Baba, a última meiga.   

Comentarios