A compañía teatral estrea 'Alma de tigre' esta sexta feira no Teatro Jofre de Ferrol

A familia segundo Elefante Elegante

Á compañía teatral Elefante Elegante segue diseccionando a institución familiar. Despois de Patapatum e de Dreaming Juliet, estrea agora Alma de tigre, un espectáculo que apunta á repetición de patróns autoritarios que se van herdando dunhas xeracións a outras, perpetuando condutas que hai que revisar. 
Gonçalo Guerreiro. (Foto: Vanessa Rábade)
photo_camera Gonçalo Guerreiro. (Foto: Vanessa Rábade)

Comezaron a súa andaina cando o teatro infantil pasou a chamarse teatro familiar e o seu traballo fixo honor á mudanza. A compañía Elefante Elegante é talvez a gran renovadora dese teatro que pode gustar ás crianzas e aos adultos sen distinción. Deixando a palabra nun segundo plano e baseando as súas montaxes no físico, na danza e na pantomima e pondo un coidado exquisito na plástica e no visual, crearon un estilo inconfundíbel que lles valeu o recoñecemento da profesión e do público. 

María Torres e Gonçalo Guerreiro están á cabeza dunha troupe que se mantén fiel a unha estética propia, a unha maneira de contar que non renuncia a ningunha franxa de idade como obxectivo. O día 8 estrean no Teatro Jofre de Ferrol Alma de tigre, un novo espectáculo que, como os dous anteriores, indaga nas interioridades da parella, da familia, da convivencia. 

Os soños funcionan así: ‘soñei contigo pero non eras ti’. E no noso teatro queremos que os mecanismos sexan eses, que todo se distorsione un pouco para que o público se vexa obrigado a entrar na obra desde a participación

A nova obra parte da historia de dúas irmás e un irmán que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non lograron cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen á súa maneira, e sandar as súas feridas. A trama é un pretexto para desenvolver un espectáculo en que o onírico e as referencias ao cinema mudo desenvolven un argumento máis junguiano que freudiano, máis centrado na advertencia moral que na análise clínica. 

“O onírico funciona máis como unha forma de misterio”, declara Gonçalo Guerreiro, director do espectáculo, en conversa con Nós Diario. “Para min sempre vai vinculado ao surrealismo, a obrigar á persoa espectadora a buscar referencias, a non darllo todo explicado. Os soños funcionan así: ‘soñei contigo pero non eras ti’. E no noso teatro queremos que os mecanismos sexan eses, que todo se distorsione un pouco para que o público se vexa obrigado a entrar na obra desde a participación nese soño. Ao saír do teatro xa chegará o momento da análise e da interpretación”. 

Guerreiro queda fóra do elenco por primeira vez na historia da compañía para centrarse no labor de dirección. “É a primeira vez que non actúo con Elefante Elegante. Nos últimos tempos estiven dirixindo en Portugal, con algunhas compañías de danza ou con Sarabela Teatro [O lapis do carpinteiro] e iso fixo que me reencontrase cun desexo que tiña desde o principio. Eu cheguei ao teatro despois de pasar polas artes plásticas e pola música, e o traballo de dirección permíteme operar como se fose un pintor, atendendo ás cores, ás formas, ás profundidades. Estiven estudando moito a obra de Caravaggio, tratei con moita atención o vestiario e a escenografía... Enfoquei o traballo máis desde a plástica que desde a narrativa, moito máis que noutros espectáculos anteriores”. 

A música tamén tivo sempre unha grande importancia nas obras de Elefante Elegante e esta vez non podía ser menos. “O que lles pido aos actores é que sexan musicais, que entendan que a música non é en absoluto unha ornamentación. O desafío agora é lograr que cada movemento e cada expresión do elenco sexan completamente simbióticos cunha música que foi escollida co maior grado de esixencia”.

Eu teño fillos, algún xa adolescente, e vivín situacións nas que eu propio me sorprendín actuando segundo os mesmos patróns que levaba toda a vida criticando nos meus pais. Notei que eran condutas herdadas, actitudes que se prolongaban no tempo por efecto da imitación.

Os patróns de conduta que sempre volven

Alma de tigre volve ás relacións familiares despois de Dreaming Juliet, que trataba da rutina que se instala nas parellas despois do namoramento inicial, e de Patapatum, unha reflexión sobre a educación que lle dan á cativada os pais e nais do noso tempo. Por que esa insistencia en analizar e diseccionar a institución familiar?

“Estamos intentando resolver os nosos problemas”, brinca entre risas Guerreiro. “En realidade, trátase de observacións que eu fun facendo na miña propia familia. Eu teño fillos, algún xa adolescente, e vivín situacións nas que eu propio me sorprendín actuando segundo os mesmos patróns que levaba toda a vida criticando nos meus pais. Notei que eran condutas herdadas, actitudes que se prolongaban no tempo por efecto da imitación. E daquela, pensei que me tocaba a min cortar con todo iso para que, no futuro, cando os meus fillos sexan pais, non continúen con esa herdanza tóxica, non perpetúen eses comportamentos. A obra, xorde desa preocupación, aínda que sempre nun rexistro amábel que pon en primeiro plano o positivo destas situacións”. 

 A obra está pensada para maiores de doce anos, aínda que non se descarta a asistencia dun público máis novo. "Alma de tigre está realizada para xente cunha certa carga de vida, unha certa dose de experiencia e sufrimento. Mais non é imposíbel que unha crianza poida asistir e desfrutar do espectáculo plástico e musical. Mais a intención primeira foi falar sobre este tipo de relacións que se dan no seo da familia e sobre as que precisamos reflexionar".

Comentarios