Nauta Teatro mostra o resultado do laboratorio sobre identidade de xénero

O proxecto levouse a cabo ao abeiro do festival Galicreques.
Rafael Rey Domech, da compañía Nauta.
photo_camera Rafael Rey Domech, da compañía Nauta.

A compañía Nauta Teatro mostrará ao público de Teo e de Santiago, esta fin de semana, o resultado escénico da súa investigación ao redor da máscara teatral e mais das identidades de xénero desenvolvida en decembro ao abeiro do Festival Galicreques.

As mostras teatrais resultantes, que contan coa participación de 17 persoas entre os integrantes de Nauta e as persoas participantes non profesionais implicadas, celebraranse esta sexta feira no Auditorio Constante Liste de Teo e o sábado 20, no escenario da Gentalha do Pichel en Santiago. 

Para levar a cabo este proxecto de investigación escénica, Nauta Teatro levou a cabo no mes de decembro unha serie de seis sesións de traballo nas que se reuniron artistas locais, artistas amadoras con vencello ao teatro comunitario e persoas implicadas na visibilización do colectivo LGBT+.

De forma colectiva, baixo a condución de Nauta Teatro e a colaboración do artista drag Nico Elsker, traballouse a identidade de xénero desde a expresión teatral, pondo o foco principalmente na máscara teatral desde diferentes perspectivas: a máscara expresiva, a media máscara e a máscara corporal, elemento performativo moi presente para o Drag Queen ou Drag King. 

Obxectivos

O Festival Galicreques, que no pasado 2023 logrou a súa 28ª edición, espallou con esta iniciativa encabezada por Nauta o seu campo de acción, tanto xeográfica como conceptualmente. Así, dentro dun proceso de actualización que se está a levar a cabo nos últimos anos, Galicreques vai máis aló da mostra escénica tradicional ao sumarlle este laboratorio de investigación teatral financiado polo Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes (EFFEA, nas súas siglas en inglés). 

Comentarios