A compañía Atalaya Teatro, premiada polo público da Mostra de Cangas

A obra mostra o lado máis mesquiño e egoísta do ser humano, onde se leva alo extremo os problemas xerados polo diñeiro e o poder, o que resulta de notábel actualidade.
Unha escena de 'O avaro' de Molière na versión da compañía andaluza Atalaya
photo_camera Unha escena de 'O avaro' de Molière na versión da compañía andaluza Atalaya.

A compañía andaluza Atalaya Teatro celebra o seu 40 aniversario da mellor das maneiras posíbeis Cangas, recibindo o Premio do Público da tamén 40 ªedición da Mostra. Este recoñecemento é froito das votacións anónimas que os espectadores e espectadoras poden emitir ao final de cada obra no Auditorio. Ao finalizar cada un dos espectáculos, o público ten á súa disposición uns papeis co nome da obra dese día cunha puntuación do 1 ao 5 para que fagan a súa valoración.

El Avaro recibiu unha valoración de 4,94 puntos sobre 5. A segunda e terceira obra máis votadas polo público foron, respectivamente, In petto, da compañía belga Okidok), cunha valoración de 4,85 puntos; e Los Días Ajenos de Bob Pop, un espectáculo da produtora catalá El Terrat, con 4,79 puntos.

El Avaro é unha adaptación dunha das obras mestras de Molière, ademais dun dos seus últimos textos. A obra amosa o lado máis mesquiño e egoísta do ser humano, onde se leva ao extremo os problemas xerados polo diñeiro e o poder, o que resulta de notábel actualidade. 

Na obra de Atalaya que se puido ver na Mostra de Cangas, ao tempo percébese o maltrato que Harpagón propina aos seus empregados e o seu exacerbado sexismo. Con oito actores e actrices en escena, o espectáculo enmárcase dentro dos grandes proxectos da compañía, e máis en concreto, entre os que se presentan en clave de musical.

Carmen Gallardo, Silvia Garzón, Selu Fernández, María Sanz, Enmanuel García, Garazi Aldasoro, Raúl Vera e Lidia Mauduit conforman o elenco de actores e actrices da obra, dirixida e adaptada por Ricardo Iniesta. 

Comentarios