A Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de centros escolares de Vigo (Foanpas) protestou esta terza feira pola "falta de limpeza" nos colexios da cidade e demandou máis persoal á concesionaria municipal encargada destes labores.
En rolda de prensa, a presidenta de Foanpas, Iria Salvande, lamentou a situación, que se une a outra importante problemática: que moitos centros carecen de conserxe, o que deixa a maioría dos patios "sucios" e con herbas.
Salvande explicou que a falta de persoal impide unha boa limpeza por parte dos empregados que si están operativos. Ademais, isto provocou que os encargados de limpar os exteriores tivesen que comezar a realizar labores no interior das instalacións, deixando os patios sen operarios.
"É un paso máis no camiño de non coidar os centros escolares. Non hai conserxes, non hai persoal de limpeza, non se que será o seguinte", criticou Salvande, asegurando que "nunca se chegara a esta situación".
Entre outros problemas, e acompañada por representantes de varios colexios públicos de Vigo, a presidenta de Foanpas salientou que hai centros con aulas fechadas por unha praga de formigas pola falta de limpeza, referíndose ao Pombal, en Lavadores.
"Se non se limpan os exteriores, os insectos entran ás clases, porque chega o verán e as xanelas sempre están abertas", indicou, engadindo que en moitos centros tamén hai carencia de materiais de limpeza ou mesmo de papel hixiénico, que tamén é responsabilidade da concesionaria.
Por todo iso, xa demandaron ao Concello de Vigo que tome medidas respecto a esta situación, despois de falar coa concesionaria, que se tentou xustificar alegando que hai moitos traballadores de baixa e isto fixo que os empregados de exteriores teñan que facer a limpeza das aulas.
"A xente non se colle unha baixa, danlla, entón terán que cubrilas", subliñou Salvande. Ante tales circunstancias, convocaron unha concentración esta cuarta feira na Rotonda de Travesía de Vigo, prevendo máis mobilizacións nos próximos días.