Pontevedra

Todo sobre a oitava edición de Novos Cinemas

O programa do festival contempla a proxección de pezas do taller que Novos Cinemas realiza en colaboración coa Universidade de Vigo e impartido polo cineasta Berio Molina.

Un fotograma de 'A procura da estrela'.
photo_camera Un fotograma de 'A procura da estrela'.

A oitava edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra, que decorrerá desde esta terza feira, 12 de decembro, até o vindeiro día 17, inaugurarase esta tarde coa proxección de Á procura da estrela, a primeira longametraxe do director vigués Carlos Martínez-Peñalver que xa foi premiada no festival de cinema alternativo de Barcelona L’Alternativa, no festival Porto/Post/doc e no certame Entrevues de Francia. 

A apertura do festival terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Principal e, tras a proxección da película, haberá un coloquio co director e parte do equipo do filme. Trátase dunha obra rodada na Serra de Estrela que xa pasou en 2019 por Novos Cinemas Lab, o espazo onde novos directores que aínda non teñen un proxecto acabado reciben asesoramento profesional. 

Antes da proxección, o programa do festival contempla a proxección de pezas do taller que Novos Cinemas realiza en colaboración coa Universidade de Vigo e impartido polo cineasta Berio Molina. 

Seis estreas estatais

A Sección Oficial contará con nove filmes. Estréanse no Estado as francesas Le coeur du masturbateur, de Michael Salerno, e Peter Pan, de Natacha Samuel & Florent Klockenbring; a arxentina Cambio, cambio, de Lautaro García Candela; a xaponesa There is a Stone, de Tatsunari Ota; e a estadounidense An Evening Song (for three voices), de Graham Swon. 

Concrete Valley, de Antoine Bourges; The Bride, da ruandesa Myrian U. Bariba; a arxentina Clara se pierde en el bosque, de Camila Fabbri; e a sueca The Wild Duck, de Nadja Ericsson serán estreas na Galiza. 

E na Sección Latexos, que reúne propostas que quedaron fóra dos circuítos comerciais, pasarán Abril, verde, amarillo, de Santiago Aulicino; Las tierras del cielo, de Pablo García Canga; Antier Noche, de Alberto Marín Menacho e Zimmerland, de Valeria Stucki. 

Comentarios