O vigués Carlos Martínez-Peñalver culmina a rodaxe de 'Á Procura da Estrela'

A primeira película do cineasta galego foi filmada na Serra da Estrela, o territorio máis elevado do Portugal peninsular. No filme aparecen actores profesionais e xente da contorna que fala da súa realidade, o que aporta unha visión documental da ficción producida a tres bandas por Galiza, Catalunya e Portugal.
A equipa técnica na Serra da Estrela. (Foto: Cedida)
photo_camera A equipa técnica na Serra da Estrela. (Foto: Cedida)

A longametraxe Á Procura da Estrela, primeira película estendida do cineasta vigués Carlos Martínez-Peñalver, deixa tras de si unha estela de cooperación galego-portuguesa agora que remata a rodaxe. A produción galega, catalá e lusa deste filme escolleu espazos da Serra da Estrela, a zona montañosa máis elevada do Portugal continental, para contar as "aventuras de Xoel", un cartógrafo na procura dos sons máis incríbeis da contorna, que se atopan case en perigo de extinción coa evolución social. 

Martínez-Peñalver e o resto da equipa -procedente tanto da Galiza como de Portugal-, que contou coa financiación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), filmou o fragmento que decorre no país veciño entre abril e principios deste mes de maio cunha parte do elenco procedente do sector profesional e outra da rúa. 

En concreto, no reparto de actores e actrices están intérpretes como Joel Fontán, Zé María Saraiva, Pedro Martão, Joaquim Viato, Zé Luís Costa, Zé Abrantes, Sofia Borges, Mariana da Luz ou Rita Saraiva

Segundo explican desde a produtora galego-catalá Omen e a produtora lusa María Zimbro, a estrea do vigués como director de longametraxes narra a experiencia dun “cartógrafo sonoro recentemente chegado á Serra da Estrela que persegue rexistrar os sons en desaparición do punto máis alto de Portugal”. 

Aventuras e sorpresas

Cualifican o xénero da cinta de aventuras. Aventuras como as que vive o protagonista, Xoel, ao tecer relacións coa xente do contorno e descubrir que a súa iniciativa non ten sentido “e que o que estaba a piques de desaparecer xa desapareceu”.

Porén, o argumento dá un xiro cando o explorador recupera a esperanza ao escoitar unha melodía que o atrae cara ás montañas. 

Unha das peculiaridades desta proposta de cooperación artística baixo a batuta dun galego é que o actor principal conviviu con outra parte do elenco que non é profesional, pois o que se buscou foi afondar nas “circunstancias sociais do territorio a través da interpretación e das propias palabras dos seus habitantes”, comentan.

Así, unha vez que a proposta chegue ás salas, o público poderá gozar da interacción deste buscador de tesouros sonoros con pastores, veciñas e veciños das cámaras de Gouveia, Seia, Covilhã e Manteigas mais con ecoloxistas. Desta forma, á parte de cinema de ficción, leva unha curiosa envoltura de documental.

Comentarios