'Eles transportan a morte' gaña o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe

Contra a épica da colonización

Reescribir a "conquista" de América, darlles un lugar na Historia ás mulleres, aos pobos, aos desposuídos. Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel Delgado, foi a triunfadora do festival Novos Cinemas de Pontevedra cun relato desmitificador sobre a colonización e a orixe do capitalismo.
Fotograma de 'Eles transportan a morte'.
photo_camera Fotograma de 'Eles transportan a morte'. (Foto: Elviaje Films)

"Un filme que esculpe a través da súa materialidade sensíbel e agreste unha fantasmagoría que infecta e asombra. Ese asombro é fermoso e necesario, xa que é traballado a través da reivindicación dunha posición revisionista dun pasado colonialista glorificado, nun presente en perigo de glorificalo novamente. Pola xustiza e dignidade dunha cámara que filma corpos coma se fosen paisaxes". Así xustificaba o xurado internacional do festival Novos Cinemas de Pontevedra a entrega do premio á mellor longametraxe da Sección Oficial ao filme Eles transportan a morte, de Helena Girón (Santiago, 1988) e Samuel M. Delgado (Tenerife, 1987), un recoñecemento que vén sumarse aos xa recibidos en nos festivais de Toulouse, Donostia, Venecia e O Cairo. 

Eles transportan a morte remóntase a un dos esteos sobre o que descansa o imaxinario hispano (e que volve operar con forza como impulso retardatario): a conquista e colonización de América. A reescrita crítica dese mito fundacional toma a forma dun intento de fuga de tres homes da tripulación de Colón que, tratan de fugarse do barco no que foran enrolados a cambio de no ser executados na Península. O escenario, son as illas Canarias, a primeira etapa da expedición e o lugar de nacemento de Samuel M. Delgado.

En Canarias practicáronse moitas das “tácticas” que despois se levaron ao outro lado do océano durante a colonización do continente americano

“Eu traballo con Samuel desde hai anos”, apunta Helena Girón en conversa con Nós Diario, “e a necesidade de localizar a película nestes dous territorios -Galiza e as Canarias- xurdiu dunha forma moi orgánica, moi natural, porque precisabamos destes dous escenarios: un que tivese que ver co Vello Mundo e outro que estivese relacionado cos primeiros descubrimentos. E as illas Canarias estaban sendo colonizadas naquel momento e foron o paso previo á colonización do Novo Mundo. En Canarias practicáronse moitas das “tácticas” que despois se levaron ao outro lado do océano durante a colonización do continente americano. Daquela parecíanos moi acaído crear esta dialéctica entre dous territorios periféricos, que todo encaixaba para o que queriamos contar”. 

Beli Martínez, unha das produtoras da película -unha coprodución de Filmika Galaika con El Viaje, Blond Indian Films e La Banda Negra- incide en que as cinematografías galega e canaria actúan dunha forma moi semellante na súa forma de  traballar "ambas apostan nun cine arriscado e de autor que cuestiona as formas cinematográficas e que cuestionan os relatos oficiais, como é o caso de Eles transportan a morte".

O conquistador e a bruxa

A peripecia dos tres náufragos atopa o seu contrapunto noutra viaxe, na Galiza, dunhas mulleres que quedaron no lugar de orixe: alí, unha muller trata de salvar á súa irmá moribunda coa axuda dunha “bruxa”, dunha curandeira. As dúas viaxes, a dos homes por un lado e a das mulleres polo outro, transfórmanse en eixos narrativos que se complementan na busca das raíces do presente. “A idea estrutural da película xa estaba, dalgunha maneira na anterior película que fixeramos Plus Ultra, explica Girón.

“Queriamos poñer en cuestión eses mitos do Estado que son, por unha banda, os relatos épicos sobre a conquista, e por outra banda, o estereotipo da bruxa, que tamén ten o seu núcleo inicial no século XV. Neste aspecto serviunos de guía o clásico do feminismo Calibán e a bruxa, de Silvia Federici, que explica como o capitalismo -e, tamén, en certo modo, a modernidade- puido desenvolverse grazas ao proceso de colonización e como ese proceso non tería sido posíbel sen o disciplinamento e control do corpo das mulleres. É moi intelixente como ela traza a relación entre estes dous procesos. E esta idea -que parece moi teórica- axudounos moito a estruturar a película e a escoller esas dúas historias como eixos da narración”. 

"A película sempre quixo poñer en valor todas esas memorias que non atoparon o seu lugar e coas que nós sentimos máis afinidade. Para que existan, temos que imaxinalas", di Helena Girón

Beli Martínez sinala, ademais, que é un tema de actualidade, que "para entender o mundo no que estamos vivindo actualmente é importante volver ao pasado e para comprender a deriva do capitalismo é necesario volver sobre este capítulo da Historia e facer unha lectura crítica do relato oficial. A fin de contas, o que esta pelicula conta é a historia de aqueles dos que nunca nos falaron".  

Efectivamente, a relectura da historia toma a forma dun relato protagonizado polos esquecidos, pola recuperación dos pobos como motores da historia. “Esta foi unha das poucas cousas que tiñamos claras desde o inicio mesmo do proxecto”, declara Girón. “Queriamos falar de moitos aspectos da morte, mais tamén da morte da memoria dos desherdados, das persoas cuxa lembranza quedan sempre oculta pola Historia oficial e pola normatividade: o patriarcado, o racismo... A película sempre quixo poñer en valor todas esas memorias que non atoparon o seu lugar e coas que nós sentimos máis afinidade. Para que existan, temos que imaxinalas”.

Comentarios