Nove filmes competirán na Sección Oficial do Festival Novos Cinemas

A cita en Pontevedra conta cunha estrea internacional.
O director artístico do Festival Novos Cinemas, Suso Novás (Foto: UVigo).
photo_camera O director artístico do Festival Novos Cinemas, Suso Novás (Foto: UVigo).

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, presentou esta segunda feira a súa oitava edición, que decorrerá do 12 ao 17 de decembro e na que competirán un total de 13 películas: nove longametraxes na Sección Oficial e catro na Sección Latexos, un espazo que reúne propostas que quedaron fóra dos circuítos.

O director artístico do festival, Suso Novás, sinalou que cinco destas películas serán estrea a nivel estatal, seis na Galiza e unha internacional. En total, o festival proxectará até 39 películas.

Dous proxectos que pasaron polo Novos Cinemas Lab protagonizarán a apertura e a clausura do festival. O director de Vigo Carlos Martínez-Peñalver abrirá o 12 de decembro coa súa primeira película, Á procura da estrela, mentres que se fechará o 17 coa cinta Cando toco un animal, do redondelán Anxo Filgueira.

A escritora, directora e produtora Katrin Rothe visitará Novos Cinemas e será a protagonista da Sección Foco, no que suporá o primeiro monográfico  feito na península Ibérica dedicado á obra dunha das pioneiras na realización de animación para Internet en Alemaña.

A cineasta alemá completará a súa estancia no festival participando na Sección Encontros, realizando un taller no que compartirá a súa maneira de concibir os seus proxectos cinematográficos.

Esta sección é un foro mediante o que Novos Cinemas fomenta o diálogo e as sinerxías entre diferentes sectores vinculados ao mundo cinematográfico. Nesta edición ofrecerá unha aproximación a varios traballos de profesionais como Víctor Soho, Tiago Vieira da Silva ou Bruno Arias, que compartirán os seus traballos e dialogarán co público.

Na presentación do festival, que foi segunda feira na Casa das Campás, acompañaron a Suso Novás o concelleiro de Cultura do municipio de Pontevedra, Demetrio Gómez; o director da área adxunta á vicerreitora da Universidade de Vigo, Luís Torres Vázquez; o deputado de Reto Demográfico, Mocidade e Desenvolvemento Rural da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Comentarios