Carlos Martínez-Peñalver remata a rodaxe da súa primeira longametraxe

Carlos Martínez-Peñalver: "Sempre haberá diferenza entre o poema dun 'influencer' e outro dun poeta 'de verdade'"

Carlos Martínez-Peñalver ten previsto estrear en 2022 a que será a súa primeira longametraxe, 'A procura da Estrela' após rematar de rodar en Portugal. En 2013 fundou en Barcelona a produtora Omen, Nemo ao revés, xunto a dous cineastas máis. Dese proxecto saíron numerosos traballos sempre relacionados 
co mundo da cultura, ben sexa coa música, co teatro ou co patrimonio. 
O director de cinema vigués Carlos Martínez-Peñalver nun momento da rodaxe de 'Á procura da Estrela'. (Foto: Omen)
photo_camera O director de cinema vigués Carlos Martínez-Peñalver nun momento da rodaxe de 'Á procura da Estrela'. (Foto: Omen)

-De Vigo a Barcelona. Como remata fundando a produtora audiovisual Omen?

Achegueime ao cinema desde a universidade a través dos estudos de Comunicación audiovisual en Compostela. Tiven a opción dunha beca para rematar os estudos en Barcelona e coincidín con outro colega galego, Nico Martínez, que fixera a miña mesma viaxe un ano antes. El de Cangas, eu de Vigo e a maxia galega de Barcelona fixo que montáramos a produtora xunto a Arnau Abella. 

Os tres queriamos producir as nosas propias obras e tiñamos que contar cunha plataforma economicamente estábel. Foi a nosa maneira de facer comunidade para afrontar os traballos. Fixemos curtametraxes, videoclips... proxectos cos que non gañas diñeiro, mais que fan que medres como profesional e como artista. Combinámolo con traballos sempre relacionado coa cultura. Realizamos obras para o teatro, a música, o patrimonio... Dedicámoslle moitas horas para algún día poder vivir da creación artística.

-Que busca na súa primeira longametraxe, Á procura da Estrela?

O que me levou a facer Á procura da Estrela foi a derradeira curta que fixen, 'Como desaparecer', a obra que menos planifiquei. Mercara unha cámara analóxica Bolex e quería filmar con ela e os meus amigos de instituto. Fixémola na Serra da Estrela por casualidade. Nesa experiencia de catro días fixemos moitos contactos e mesmo amizades dunha maneira intensa. 

A curta funcionou moi ben na Galiza e decidín preparar un proxecto máis grande nesta zona. A idea é que na curta de 'Como desaparecer', empregei a Serra como plató, o que quixen fazer coa 'Á procura da Estrela' era todo o contrario, profundar nas problemáticas do lugar a través dun contacto máis profundo co territorio e coas xentes que o habitan. Ao mesmo tempo é un lugar tomado polo turismo até o punto de que, sendo o lugar máis elevado de Portugal, no cume ten un centro comercial. Tratei de falar do desencanto que temos como visitantes cando viaxamos por primeira vez a un lugar. Tras a primeira visión, se quedas uns días, descobres como hai xente que non ten diñeiro por contar cun traballo miserábel que depende dese turismo. O filme fala do derrube da ilusión óptica que producen estes espazos cando os converten noutra cousa. 

Non busco criticar o turismo, é algo que vai con nós como unha contradición.    

-Esa idea podería ter acontecido na Galiza?

Desde logo, mais os primeiros que podemos solucionalo somos nós como visitantes deses lugares. As empresas sempre buscarán o consumo rápido. Na Serra da Estrela hai un ente político que ten a concesión turística desde a época de Salazar, e que segue vixente, e son os donos de todo. Son millonarios que viven en Lisboa. No filme falamos por un lado dese turismo que engole todo e por outro da xente que busca que amemos a terra.        

-Como ten que ser o cinema?  

O cinema ten que ter empatía. Dunha maneira ou doutra ten que abordar que haxa unha resposta máis alá de ti mesmo. Como na vida, cada quen ten os seus temas favoritos mais buscando empatía. Non creo que o cinema teña que ser nin político nin estético. Ten que ter detrás algo verdadeiro, que teña os pés na terra e sexa autocrítico tamén. 

Penso que é algo moi abstracto mais sempre haberá diferenza, por exemplo, entre o poema dun influencer e outro dun poeta "de verdade". Ao final as películas nótanse cando se merecen. Se traballas nun filme pouco tempo ou non sabes que queres dicir con el ou estás a traballar porque cho pide alguén, nótase que é algo forzado. Se o fas co corazón, por máis críptico que sexa, sairá algo bonito. Nótase cando fas as cousas con amor.  

Comentarios