Comeza en Compostela o festival 'O que non se escribe'

A cita conta cun programa que tratará a experimentación arredor do patrimonio sonoro galego.  
Antía Ameixeiras, co violín, e Sabela Caamaño, co acordeón cromático, nunha imaxe promocional do seu primeiro disco. (Foto: Leticia T. Blanco)
photo_camera Antía Ameixeiras, co violín, e Sabela Caamaño, co acordeón cromático, nunha imaxe promocional do seu primeiro disco. (Foto: Leticia T. Blanco)

Entre esta quinta feira e o domingo 15 de maio, Compostela acollerá a segunda edición do festival 'O que non se escribe', cun programa centrado de novo na aprendizaxe e experimentación arredor do patrimonio sonoro galego.

O obxectivo, segundo explica a organización nun comunicado, é "facer unha posta en común da situación e as necesidades do noso arquivo, ao tempo que presentará algúns dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica contemporánea". 

O programa comezará ás 16 horas na Sala Riquela cunha master class impartida polo zanfonista e graller catalán Adrià Grandia e seguirá ás 18.30 horas, no mesmo lugar, coa palestra Un novo mapa (música tradicional e creación), presentada polo xornalista Marcos Gendre e na que participarán Caamaño & Ameixeiras, CRNDS, Andrés Rodrigues e Lilaina. A xornada rematará co espectáculo 'Paradís' das artistas baleares Joana Gomila & Laia Vallès na Casa das Crechas ás 21h. 

Paseo polos tesouros sonoros

Este ano repite a actividade de máis seguimento por parte do público na anterior edición: os paseos sonoros. Desde hoxe e até o domingo 29 de maio estará dispoñíbel o paseo sonoro, que vai levar as persoas participantes a través dun mapa por diferentes puntos da cidade. 

Neles poderán atoparse tesouros sonoros a través de códigos QR para escanear e escoitar cos auriculares un anaco dunha recolla de música tradicional. Na elaboración desta actividade colaboraron Rodrigo Cuevas, Alba Carmona, Raül Refree, Luis Prego, Olga Cerpa e Mestisay, Bouba Pandereteiras, ou Lilaina entre outras.

Como novidade, escoitaranse 7 arquivos recollidos nos Camiños de Santiago.

Comentarios