Caderno de Verán

A muiñeira é 'covidfriendly'

O dúo Caamaño & Ameixeiras compaxina as últimas actuacións deste verán tan atípico coa preparación do seu proxecto discográfico, que pronto debería ver a luz
Caamaño Ameixeiras
photo_camera Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño nunha imaxe promocional (Foto: Cedida)

A paixón coa que entenden a música Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño pálpase nada máis falar con elas. Mentres ensaian para os próximos bolos, contestan ao teléfono ilusionadas polos proxectos que teñen malia que a Covid-19 e a choiva sexan duras competidoras por facerse un oco na programación das festas de calquera vila galega. 

Non importa. "Ao principio o verán pintaba mal porque tivemos cancelacións para marzo, abril e xuño", contan. Porén, "empezamos a ter bastantes datas, quizais porque ao ser un dúo é mellor para cumprir as medidas de seguridade".

En todo agosto completan unha ducia de concertos só con dous paróns. Estar sen facer nada non é unha opción malia que o ambiente nos recitais estea algo enrarecido. "Os nosos concertos son aptos para bailar, facemos música bailábel", engaden a violinista e a acordeonista. Mais o público fica sentado sen remedio. 

As artistas recoñecen que lles falta esa "interacción" de sempre coas asistentes aos seus concertos e, ás veces, non saben se as cancións ou as brincadeiras teñen boa recepción. O bo é que descubriron que, após unha actuación, "a xente busca a maneira e esfórzase para que unha se sinta arroupada".

"Ten moitísimo valor para nós; que o público estea aí e apoie a música e a cultura ao vivo, porque somos un sector un pouco esquecido"

neste tempo no que tocou vivir, reflexionan. 

O contexto tamén modificou os seus plans porque ían gravar o seu primeiro traballo discográfico co produtor Diego Galaz. Agardan que en outubro poida saír adiante. 

Cuns inicios que se remontan a dous anos atrás, Caamaño & Ameixeiras lograron ser recoñecidas e ter contratos para tocar no festival de Ortigueira ou mesmo nun encontro de baile tradicional en Bruxelas.

Malia que as citas quedaron adiadas, amósanse ilusionadas co que poden achegar lonxe da Galiza. "Levar o baile galego interésanos moito: muiñeiras, citas...", avanzan. "É o ano da muiñeira porque hai que bailar separados e é Covidfriendly total", rin. Calquera xustificación é boa "para reivindicar a nosa música e os nosos bailes".

Comentarios