O festival 'O que non se escribe' pon en valor a música tradicional

O festival contará esta segunda edición con actuacións, obradoiros, palestras e un 'Paseo Sonoro' pola zona vella da cidade.  
Caamaño & Ameixeiras actuando en Compostela (Foto: @aigiboga).
photo_camera Caamaño & Ameixeiras actuarán en Compostela (Foto: @aigiboga).

O festival 'O que non se escribe. Arquivos sonoros e creación contemporánea' repite experiencia en Compostela cunha segunda edición co obxectivo, segundo a organización, de "promover a aprendizaxe sobre o patrimonio sonoro tradicional antigo e contemporáneo". O evento, que se levará a cabo do 12 ao 14 de maio, presentouse onte na sala de prensa do Pazo de Raxoi coa intervención da concelleira de Cultura, Mercedes Rosón, o edil de Turismo, Sindo Guinarte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora do festival, Aitana Cuétara

Paseo Sonoro, actuacións e actividades

A primeira iniciativa anunciada foi o 'Paseo Sonoro', un percorrido interactivo por 22 localizacións da zona vella compostelá que consiste no escaneo dun código QR que posibilita a escoita de arquivos sonoros. Segundo precisou Aitana Cuétara, as gravacións oscilan entre o ano 1919 e o 2011, e descubren audios de música tradicional. 

Mais o prato forte son as actuacións en directo e algunhas actividades complementarias. O programa comezará o día 12 ás 16 horas na Sala Riquela cunha master class impartida polo zanfonista e graller catalán Adrià Grandia e seguirá, ás 18.30 horas, co xornalista Marcos Gendre que presentará a palestra Un novo mapa (música tradicional e creación), coa participación de catro proxectos innovadores, interesantes e diferentes: Caamaño & Ameixeiras, CRNDS, Andrés Rodrigues e Lilaina. A xornada rematará co espectáculo Paradís de Joana Gomila & Laia Vallès na Casa das Crechas ás 21 horas. 

Xa o día 13 haberá dous encontros na Facultade de Xeografía e Historia da USC.

O primeiro comezará ás 16.30 horas  e xirará arredor do tema Autoría, privacidade e protección de datos, e o outro, ás 18.30 horas, tratará sobre a posibilidade de xestionar un arquivo sonoro común. Fecharán a xornada na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE os Sara Fontán & Amorante (20.30 horas).

O sábado, último día desta edición do festival, estará centrado na aprendizaxe arredor da zanfona, cun monográfico a cargo de aCentral Folque impartido por Adrià Grandia no centro sociocultural A Trisca.

O feche musical será desta vez no Teatro Principal (20.30 horas) coa artista balear Anna Ferrer, que presentará o seu traballo discográfico Parenòstic, e o dúo occitano Cocanha, que traerá o seu novo disco, Puput, producido por Raül Refree.

Comentarios