Máis

O coidado das tallas

A calidade canteira dos cruceiros de Cangas
Copia de Diseño sin título (1)
photo_camera Base, cruz e fuste do cruceiro do Hío en Cangas (O Morrazo). (Foto: Monysasi -foto central- e Rudiernst -esquerda e dereita-)

No concello de Cangas (comarca do Morrazo) a parroquia do Hío aparece marcada no mapa por albergar unha das construcións eclesiásticas de maior interese da contorna. Así, nas proximidades da ría de Aldán, o cruceiro do Hío continúa albergando a historia tallada na pedra. Inaugurado no ano 1872 para conmemorar a festividade do Cristo, o anxo tallado nunha columna próxima, e do que colga unha lámpada, conserva esta información gravada no pergamiño que sostén.

Sostido sobre unha escaleira ortogonal de tres chanzos, o cruceiro ascende nunha composición de base, fuste e cruz que se erixe sobre unha ara, definíndose este elemento arquitectónico como a pedra sagrada na que se celebran os sacrificios ou ofrendas aos deuses. O pedestal, a base cúbica na que se inserta o fuste, conta, como particularidade, con catro caras orientadas a cada un dos puntos cardinais coas súas correspondentes tallas.

Un percorrido polo evanxeo a través das tallas do cruceiro do Hío

Nunha delas pode observarse a Eva e a maza, unha alegoría do que na tradición cristiá se entende como o pecado orixinal, polo que o feito de que a cruz remate coa crucifixión de Xesucristo evoca uha narración completa da historia do catolicismo.

Este cruceiro, de estilo barroco, conta no seu fuste cunha inscrición que asegura unha indulxencia leve de 100 días a toda persoa que rece ao seu carón. Neste mesmo fuste as figuras de Adán e Eva volven aparecer unidas á pedra unicamente polos pés. Xusto enriba, unha virxe con algúns detalles en chumbo adorna un monumento que se completa coa representación dos arcanxos en sendas metáforas da loita contra o mal.

Finalmente, catro anxos sosteñen a ménsula final na que se recolle a talla da morte de Xesucristo nun conxunto no que non só se pode ver a crucifixión, senón que representa o momento do desencravo con tres figuras aos pés e dúas baixando a Cristo da cruz.

O cruceiro de Síngulis ou o de Lameiro son algunhas das outras mostras da arte canteira relixiosa do concello de Cangas, destacando no primeiro o labrado do capitel, con imaxes de cunchas de vieira e anxos, e salientando no segundo a presenza de temas iconográficos pouco habituais.

Comentarios