Máis

Imaxes gravadas a pedra

Viaxar cos cruceiros do Condado e a Paradanta. Canteiros de sona na Galiza encargáronse das tallas dos cruceiros do país.
cruceiro o covelo turismo rías baixas
photo_camera Detalle do pedestal do cruceiro do Covelo na comarca de Paradanta. (Foto: Turismo Rías Baixas)

Na viaxe polos cruceiros da Galiza resulta imprescindíbel unha parada nas comarcas da Paradanta e o Condado. Tal é a importancia destes lugares que mesmo existe unha obra titulada Os calvarios do Condado e a Paradanta que recompila este patrimonio.

Así, a Cruz da Paradanta, o cruceiro de Paraños ou o de Covelo constitúen algúns dos exemplos da comarca da Paradanta, destacando o primeiro pola contorna na que se sitúa. Esta gran cruz de cemento, localizada nunha elevación do concello da Cañiza, construíuse nos anos 80 co obxectivo de que fose visíbel desde a autoestrada, algo que tras a edificación da zona xa non sucede. Para situar na historia o cruceiro de Paraños hai que ir algo máis atrás no tempo até o século XVIII. Este monumento atópase na parroquia homónima, no concello de Covelo, descansando esta peza arquitectónica sobre unha base de tres chanzos e na que destacan as figuras gravadas no peto, no fuste e na cruz. Imaxes entre as que se atopan representacións de Xesús, de anxos ou da virxe.

Tal é a súa importancia que se cre que puido servir de inspiración para a creación posterior do Cruceiro do Covelo. Así, esta última mostra do lugar, localizada no mesmo concello e erixida na praza central da vila, foi esculpida polo canteiro José Cerviño García no 1899, destacando a súa calidade iconográfica e con especial atención ás seis figuras humanas que sobresaen no pedestal e entre as que se atopan representacións da xustiza, as artes, a agricultura ou a industria. Xa na comarca do Condado, o Cruceiro de Santa Bárbara e o de San Cibrán de Ribarteme nas Neves, ou o do Santo Cristo da Nogueira e o de Ribadetea, en Ponteareas, conforman algún dos exemplos máis salientábeis do lugar.

Desta forma, o de Ribarteme, orixinario do século XIX e recuperado en 1987, conta cun varal de grande anchura no que se recollen representacións de orixe católica, como poden ser as alegorías ao demo tallado en forma de serpe.

Finalmente, o de Ribadetea diferénciase dos demais por estar protexido baixo un templete metálico que facilita o seu amparo e a súa conservación.

Comentarios