Filme e concertos no Pichel este 27 de abril

O Cineclube de Compostela celebra a maioría de idade

Da Facultade de Xornalismo, hoxe Ciencias da Comunicación, ao antigo cinema Yago e despois, xa desde hai unha década, na Gentalha do Pichel. O Cineclube de Compostela celebra a súa maioría de idade, 18 anos, cunha festa no activo centro social O Pichel este 27 de abril, sábado, a partir das sete da tarde.
 

zurraspa
photo_camera O dúo punk Zurraspa. Foto: Cineclube de Compostela.

cartel cineclube

Centos de proxeccións, cunha semanal como media, partidarios de poñer os filmes en contexto social e político, defensores da cultura libre e de balde, os e as organizadoras do Cineclube tamén promoven cada primavera un dos festexos xa clásicos do underground compostelán. Concertos e unha proxección serven para conmemorar a súa capacidade de resistencia e irradiación.

A deste ano, 18 aniversario, comezará co concerto de Vietcong, cuarteto que transita entre a improvisación libre e o noise rock. Ás oito e media do serán, proxectarán o misterioso filme Hai que votalos: Como conseguir unha elección de cinema sen morrer no intento. E é que toda a comunicación do Cincelube de Compostela a respecto desta festa baséase nunha circunstancia: decorrerá na xornada de reflexión electoral.

Os pratos fortes, en todo caso, serán ás dez da noite. Cunha entrada de 5 a 8 euros destinada integramente ás bandas, a noite contará, de entrada, co punk do dúo Zurraspa. Punk singular, achegado ao minimalismo dos míticos Beat Happening “ou así”, di a organización. Gancho Sanches despegan desde “esqueletes de folk indie” para se apegar a estruturas post rock. Finalmente, Zara débense a unha sorte de punk escordado, dificilmente controlábel.

O aniversario do Cineclube pechará cunha sesión de picadiscos.

Nota: cartel do 18º aniversario do Cineclube de Compostela.

Comentarios