Cinema de animación galego para a cativada no Museo de Pontevedra

Esta semana poderán verse 'O apóstolo' e 'Engurras'.
Un fotograma de 'O apóstolo'
photo_camera Un fotograma de 'O apóstolo'

O ciclo de cinema galego de animación dirixido a público infantil e familiar continúa esta semana no Museo de Pontevedra con dúas novas proxeccións: esta quinta feira, 28 de decembro, poderase ver O Apóstolo e na sexta 29, será a quenda de Engurras. As dúas proxeccións terán lugar no auditorio do Edificio Castelao ás 18 horas. 

O Apóstolo é un filme galego de animación dirixido por Fernando Cortizo en 2012. Conta a historia dun preso que foxe do cárcere na procura dun tesouro agochado nunha aldea do Camiño de Santiago. Pero para atopalo terá que enfrontarse a misterios, desaparicións, espíritos e personaxes estraños, nunha peculiar historia de terror, humor e fantasía. 

Unha das peculiaridades do filme, que foi candidato á mellor película de animación nos Premios Goya, é que os personaxes están moldeados cos trazos físicos dos actores e actrices que lles poñen voz. Así, os protagonistas son intérpretes tan coñecidos como Carlos Blanco, Luis Tosar, Xosé Manuel Olveira "Pico", Geraldine Chaplin, Manuel Manquiña, Isabel Blanco ou Celso Bugallo. 

Engurras é unha produción galega de 2011, con dirección de Ignacio Ferreras. Ten como protagonistas a Emilio e Miguel, dous anciáns amigos nun centro xeriátrico. Emilio padece un principio de alzhéimer, polo que corre o risco de ser derivado ao andar dos eivados, algo que Miguel e outros compañeiros tratan de evitar cun plan disparatado que enche de humor e tenrura o monótono día a día da residencia. 

O filme estreouse no Festival de Cine de San Sebastián e obtivo cinco premios Mestre Mateo e dous Premios Goya,.  

Comentarios