Outras tres mulleres acusan o cineasta Carlos Vermut de violencia sexual

Os feitos denunciados polas tres primeiras vítimas sucederían entre outubro de 2012 e principios de 2024.
O director de cinema Carlos Vermut. (Foto: Juan Barbosa / Europa Press)
photo_camera O director de cinema Carlos Vermut. (Foto: Juan Barbosa / Europa Press)

Outras tres mulleres veñen de acusar o director de cinema Carlos Vermut de violencia sexual. Trátase dunha artista, unha xestora cultural e unha actriz, que se suman ás outras tres mulleres —unha estudante de cinema, unha empregada dunha das súas producións e unha traballadora do sector cultural— que o sinalaran previamente polo mesmo motivo.

Segundo o testemuño destas tres novas mulleres que acusan a Vermut, nun caso que revelou o diario El País, os feitos sucederon entre outubro de 2012 e principios de 2024. Ningunha presentou denuncia por temor a que ninguén as crese, segundo relataron.

Unha das mulleres que acusa Vermut asegura que a obrigou a practicar sexo dentro do seu portal a pesar da negativa dela, e noutra ocasión tivo que manter sexo anal sen consentimento. A xestora cultural asegura que a someteu a un encontro sexual con golpes, estrangulación e arcadas.

E, segundo o relato da terceira muller, que mantivo unha relación con Vermut desde a primavera de 2023 até o pasado mes de xaneiro, o director forzouna a ter sexo violento que ela non consentiu despois de meses sufrindo violencia psicolóxica. Afirma, ademais, que días despois destes feitos chamou o servizo de atención ás vítimas das violencia machista 016 e pediu apoio nun centro de atencón integral de vítimas de violencia sexual da Comunidade de Madrid.

Desde aquel momento o seu psicólogo diagnosticoulle insomnio, hipervixilancia e ansiedade, e ela asegura ter desde entón "pensamentos suicidas". Nas acusacións que El País fixo públicas en xaneiro, afirmou contar con declaracións xuradas de todas elas, así como material documental e testemuños de persoas da súa contorna que sustentan os relatos.

Comentarios