Chantan en Noia un ‘banco panorámico’ enriba dun petróglifo

No Monte Lois, segundo denuncia o colectivo A Rula.

petroglifo-banco-noia-696x470
photo_camera Banco riba do petróglifo (A Rula)

A moda dos bancos panorámicos que inzan diferentes puntos e lugares da Galiza semella que non ten freo. Nin sequera diante de elementos do patrimonio. Segundo denuncia o colectivo A Rula, entidade cultural que avoga pola divulgación e protección da arte rupestre da área de Compostela, no seu blog, o Concello de Noia chantou un destes bancos riba duns petróglifos existentes no Monte San Lois. Un lugar cunhas fermosas vistas sobre a Ría e que seguirían a ser fermosas sen necesidade de estragar un elemento patrimonial. 

Segundo conta A Rula, “o Concello decidiu limpar a zona e literalmente ‘chantar’ un banco nunha rocha no chan”, situándoo, “lamentabelmente”, “xusto enriba dunha pía natural nun afloramento que conserva uns gravados”. Alén deste, instalouse outro banco mirando cara á boca da Ría. Na parte traseira levan o lema Todo o que ves é teu. Cóidao.

O gravado, que non se coñecía ata o descubrimento realizado polo colectivo, convertiríase “no primeiro petróglifo coñecido do Concello de Noia, xa que, ata o de agora, a mostra de arte rupestre prehistórica coñecida situada máis perto da vila de Noia era o petróglifo da Picota, nas inmediacións da poboación de Portosín, xa no termo municipal de Porto do Son”.

Comentarios