Chanfainalab estrea online a súa última fornada de filmes

Un novo ao día durante a corentena.
Monte Xurásico chanfaina
photo_camera A foto é de 'Monte Xurásico', o filme de Roberto Bouza estreado en liña o pasado o día 29 de marzo, que conta con Cruz Piñón como actriz. (Nós Diario)

Unha corentena de cineastas, a maior parte mulleres, participaron o pasado setembro na sexta edición do Chanfainalab, o encontro de creadores e creadoras audiovisuais do país que cada ano celebra o proxecto Fálame de San Sadurniño. As pezas que saíron desta experiencia, na que os convidados e convidadas deben gravar nunha fin de semana unha curta de entre tres e cinco minutos, estreáronse nun acto celebrado a mediados de febreiro.

Todo ía segundo o previsto nesta iniciativa na que este ano colaboraron 120 veciños e veciñas de San Sadurniño, en Ferrolterra. Mais, ante a chegada da crise do coronavirus, a organización decidiu mudar o xeito de realizar a presentación virtual das películas. Así, en lugar dos habituais "venres de chanfaina", que se prolongaban até o verán, Chanfainalab optou desta volta por presentar unha "chanfaina" todos os días mentres dure a corentena. É así que, a través da web do proxecto, falamedesansadurnino.org, cada día pódese ver unha película nova.

Nos próximos días estrearanse varios filmes, entre eles os da profesora e promotora de Olloboi Ana Moreiras, a xornalista María Yáñez, o artista visual Anxo Santomil ou o vídeocreador Manuel Abad. "Imos alternando unha de cal e outra de area. É dicir, pezas de certa dificultade formal con outras máis sinxelas, homes e mulleres, xente moi nova con xente veterana… para que o programa sexa moi variado en estéticas, temas e resultados", explica Manolo González, impulsor de Fálame de San Sadurniño.

Mais máis do 60% dos participantes do Chanfainalab pertencen á veciñanza da zona. Este ano foron Pablo Martínez, Catalina Rodríguez, Iago Lourido, Brais Varela, Iago Varela, Brianda García, Antonio Fragua, Geray Arnosa, Óscar Torrente, Verónica Castrillón, Bieito Beceiro, Andrés Couce, Irene Beceiro, Noemi Caneiro, Ángela Arnosa, Eloy Arnosa, Abel Veiga, Fran Bermúdez, Ana Lamas, Roberto Bouza, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Lucía Pita, Carmen Couce, Carmen Bouza, Graciela Galdo, Mónica Cibreiro, Olga Vigo, Antón Rodríguez, Sara Alonso, Ana Martínez, Noelia Uceira e Javier Seoane.

A eles uníronse tamén outras caras coñecidas do audiovisual coma o director Luís Avilés, a directora de fotografía Lucía C. Pan e os cineastas Fran X. Rodríguez e Aldara Pagán. 

Comentarios