O cinema sustentábel de San Sadurniño

O Chanfaina Lab estrea os filmes da última edición
chanfaina 3
photo_camera Rodaxe de Narahío Media no Chanfaina do pasado setembro. Imaxe: Chanfaina Lab.

Marzo de 2015. Casa da Cultura de San Sadurniño. Dúas señoras de máis de 70 anos enfróntanse, por primeira vez, ao cinema experimental, matérico, case unha pintura do real, de Alberte Pagán (O Carballiño, 1965). Rematada a proxección da súa curtametraxe Forgoselo (Granito), o cineasta achégase a elas e pregunta que lles pareceu. A resposta: "Entender moito non entendimos, pero o Forgoselo é así". O Forgoselo son os montes que rodean San Sadurniño, sede desde 2014 do Chanfaina Lab, o menos típico dos festivais de cinema da Galiza. Hoxe, 15 de febreiro, chegan á pantalla da localidade as pezas creadas na súa última edición, celebrada o pasado setembro.

O contexto do encontro é un concello de 100 quilómetros cadrados, con 200 núcleos de poboación e menos de 3.000 habitantes. Onde, antes de 2014, nunca se fixera un filme e agora hai xa máis de 150 rodados."O noso obxectivo é involucrar a xente do pobo para que fagan cinema", explica a Nós Diario o impulsor do proxecto, Manuel González, "aínda que no primeiro ano non houbo participación popular". Un monllo de persoas vinculadas ao Novo Cinema Galego -Xurxo Chirro, Marcos Nine, Ángel Santos...- desprazáronse ao lugar para, en dous días, elaborar curtametraxes in situ. Da evolución da proposta e do triunfo da idea inicial de González falan as cifras: dos 30 traballos que hoxe se proxectarán na Casa da Cultura, 0 70% realizounos xente de San Sadurniño. Canda eles, os facturados polos 10 convidados, desta volta o cineasta Luís Avilés, a directora de fotografía Lucía Pan ou a xornalista María Yáñez.

"Os guiris seleccionámolos nós", di divertido, "nunca son máis de dez porque en San Sadurniño só hai un hotel con dez cuartos. A maiores, sempre propoñemos unha operación rescate, que nesta ocasión correspondeu á videocreación de Manuel Abad". As oriúndas tamén se encargan de guiar os foráneos pola zona e de axudar aos seus proxectos. Mais, sobre todo, de crear o seu propio cinema, que na sexta edición desemboca en títulos como A casa soñada de Fran Bermúdez, ???... de The Sungirls ou Cando Ruxe O Formigueiro 2.0 de Iago Lourido.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios