Contracultura

Diana Gonçalves: "O Chanfaina Lab, alén da experimentación e da creación, xera vínculos co lugar e coas persoas"

A cineasta Diana Gonçalves foi unha das convidadas da oitava edición do Chanfaina Lab, tres días de creación audiovisual colectiva en San Sadurniño (Ferrolterra) nos que participan persoas de diversas idades, traxectorias e experiencias.
A cineasta Diana Gonçalves. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A cineasta Diana Gonçalves. (Foto: Nós Diario)

—Como viviu a súa primeira experiencia en Chanfaina Lab?
Xa me tiñan convidado outros anos, mais nunca me cadraba ben, e este ano por fin conseguín estar presente xunto coa miña amiga e compañeira do audiovisual Adriana Páramo. Foi unha experiencia moi rica en ideas e emocións, que ademais está moi concentrada no tempo, pero semella que foi moito máis precisamente pola intensidade da experiencia.

Dábame moito gusto poder participar porque Manolo González foi o meu profesor no seu momento e tamén porque a miña experiencia está moi ligada a este tipo de laboratorios. Foi como un reencontro con eses principios e cos meus primeiros pasos no cinema. Baixo o meu punto de vista permiten algo que é esencial: poder seguir a intuición. Ademais, para min chegou no momento axeitado porque dalgunha maneira veño traballando sobre todo o xénero documental, aínda que non me gustan moito as etiquetas porque creo que todos os xéneros no fondo son o mesmo, e con temáticas arredor da memoria, tanto individual como colectiva, e iso é algo que tamén estará presente na peza creada en San Sadurniño.

Con todo, cada vez estou máis convencida de que o mecanismo da memoria e da imaxinación van da man. Por unha parte, para lembrar tamén imaxinamos, porque sempre hai baleiros que hai que ir cubrindo, non chegas a ter todas as respostas. Somos o que lembramos, mais tamén o que queda oculto, o que non está dito. Entón, eu estou nun momento de deixarme ser libre. Sigo crendo que o relato en primeira persoa é importante, mais tamén hai que pór en valor esa parte de experimentar e de xogar cando construímos un relato.

—Pode adiantar algo desa peza que comezou?
Agora é o momento de pornos a traballar co material que trouxemos. Esta é unha diferenza que hai con outros laboratorios que é que a experiencia non remata neses días, senón que se nos dá un ano para construír a peza e tomar distancia do material. Nunca estivera en San Sadurniño e, ao mellor, se non fose por isto non tería pasado por aquí.

Isto permite que, aínda que eu fora cunha certa idea, tamén puidera deixarme levar polo que ía xurdindo alí porque non temos ningunha restrición no sentido creativo. Claro, isto tamén acontece porque hai un equipo detrás que está alí as 24 horas, que coñece o territorio e que involucra a veciñanza. Desta maneira, eu puiden ter uns encontros que quizais terían sido imposíbeis noutro contexto e que son os que van modelando as formas ás que apunta esta peza.

Aínda queda o traballo de montaxe, que tamén pode implicar unha reescritura, mais digamos que é seguir o camiño que tiña comezado con Mulleres da raia, só que neste caso vai un pouco máis aló. Estou moi agradecida de que existan persoas como Carmen Suárez e Manolo González, os ideólogos de todo isto, porque este laboratorio alén de experimentación e creación tamén xera vínculos co lugar e coas persoas. Aínda despois de estar de volta na casa estiven falando coa filla dunha das persoas ás que entrevistei e sinto unha familiaridade case como se nos coñeceramos de toda a vida.

—Fala de continuar o camiño de Mulleres na raia e foi precisamente esa a peza que escolleu para proxectar no encontro.
Estas proxeccións son unha maneira de ir coñecéndonos, de ver como entende cada persoa o cine, e decidín que fora esta peza porque agora, co paso do tempo, doume de conta de que aí estaban as bases do camiño que ía seguir. Os 14 anos que pasaron desde que saíu tamén me deu tempo para reconciliarme coas súas imperfeccións e tamén para recuperar material que tiña gravado naquel momento e que non foi utilizado no filme.

En novembro a intención é poder presentar unha instalación, Transfronteiriza, que tamén é un proxecto conxunto entre a Galiza e Portugal e que ten como punto de partida estas imaxes inéditas.

Comentarios