Cesáreo Sánchez, presidente da AELG: "O libro en galego precisa mellorar a súa saúde"

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) convocou este sábado a súa Asemblea Xeral de Socias, unha xuntanza na que puxeron en valor o incremento da súa base asociativa e fixaron as liñas de traballo para este novo período que comeza. Nós Diario conversa co seu presidente, Cesáreo Sánchez, sobre os retos e proxectos da AELG para o ano 2024.

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. (Foto: Eduardo Castro Bal)
photo_camera Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. (Foto: Eduardo Castro Bal)

—A AELG vén de celebrar a súa Asemblea Xeral de Socias. Que valoración fai do período que remata?

Este foi un período no que constatamos algo que, nos últimos anos, está dentro da nosa normalidade: o aumento da base asociativa. Neste ano chegamos aos 530 asociados e asociadas, algo que é importante polo que significa para o proxecto colectivo, para afortalar o sistema literario galego, e para axudar na medida do posíbel a que se desenvolva coa normalidade que necesitaríamos. A AELG ten este ano 25 escritoras e escritores máis entre a súa asociación, un feito que valoramos de maneira positiva: a incorporación de novas asociadas e asociados dálle razón de ser á entidade.

Ademais, analizamos os apoios que ten a AELG nas institucións e que iso implica ter capacidade económica para desenvolver temas. O peso da Administración local é grande, realmente, o cal nos permite facer cousas como mandar escritoras aos centros de ensino. En concreto, por exemplo, da man da Deputación da Coruña irán perto de vinte escritores e escritoras aos centros escolares para falar de Luísa Villata.

Ao mesmo tempo, analizamos a necesidade de dar máis contido á asesoría xurídica, pois, é importante para que os escritores e as escritoras saiban dos seus dereitos e de como estar asesorados na súa actividade.

Valoramos tamén a necesidade de elaborar informes xurídicos sobre as boas prácticas dos premios literarios. Desde a ALEG consideramos que iso axuda non só aos escritores e ás escritoras, senón tamén a editores e á sociedade en xeral.

Destacamos ademais a importancia da nosa páxina web, na actualidade adaptada para consulta desde teléfonos móbiles e dotada de máis de 60 millóns de entradas. A páxina web da AELG recibe diariamente unhas 20.000 visitas, tendo especial relevancia a sección da axenda.

—A Asemblea Xeral de Socias da AELG acordou premiar co galardón ‘Escritor na súa Terra-Letra E’ o dramaturgo Euloxio R. Ruibal, e co ‘Escritor Galego Universal’, Joseba Sarrionandia.

Creo que non é necesario explicar a importancia de Euloxio R. Ruibal no teatro, na dramaturxia galega. É un recoñecemento á súa traxectoria e tamén unha maneira de agardecer o seu tempo como presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Hoxe é, polo tanto, un día de celebración.

En canto a Joseba Sarrionandia, é un escritor cunha obra amplísima en Euskadi, e que ten obra tamén traducida ao galego. El mesmo foi tradutor de obras do euskera ao galego. A el farémoslle entrega da Rosalía que damos no evento dos premios Follas Novas.

Para nós Sarrionandia é un autor coñecido, é unha figura referencial dentro da literatura de Euskadi. E con este ‘Escritor Galego Universal’ queremos que formase parte tamén do que é ser un escritor galego.

—Que liñas de traballo se marca a AELG para este período que acaba de comezar?

Do traballo a desenvolver este ano destacamos os premios Follas Novas, para os cales xa se fixo pública a selección previa do xurado.

Ademais, a AELG estará presente no galeuska de escritoras e escritores que este ano decorrerá en Mallorca, organizado pola Asociación de Escritoras en Lingua Catalá. O tema central será a tradución como maneira de internacionalización da nosa literatura e a delegación galega estará integrada pola tradutora María Reimóndez e pola poeta, ensaísta e escritora Marga Romero.

Valoramos tamén a posibilidade de poder organizar na Galiza unhas xornadas galego-brasileiras na cidade de Compostela, algo que consideramos moi necesario.

—Sinala que a AELG experimentou un incremento no número de asociadas e asociados. É este un síntoma de que o libro galego goza de boa saúde?

A literatura escrita en galego ten boa saúde. Isto está contrastado con todos os premio que damos dentro do país e que nos dan fóra do mesmo. Porén, o que necesita mellorar a súa saúde é o libro.

Pensamos que ten que haber un apoio máis decidido, por parte da Administración que teña esta responsabilidade. Entre outras cuestións, dándolle presencia ao libro galego nas feiras internacionais. É dicir, a industria editorial necesita máis alimento e máis fortaleza para que todo ese caudal que hai de literatura, de escrita, de escrita dramática, de poesía, de narrativa, teña máis capacidade de ser visibilizada. Xa non digo o que significa, por exemplo, como teñen en Euskadi ou en Catalunya, uns apoios especialmente determinantes por parte das súas Administracións. Mais aquí é un tema moi mellorábel.

—A AELG sumouse recentemente ás voces que criticaron a censura aplicada na Deputación de Pontevedra a catro escritoras galegas por motivos políticos. Considera que este foi un caso illado ou teñen detectado outros casos de censura?

Agardamos que sexa un caso illado. Que escritoras como Mercedes Queixas ou Montse Fajardo, que precisamente vén de gañar o premio Xohana Torres en Compostela, sexan censuradas polas opcións políticas que defenden... Que democracia se basea niso? Esta dinámica non di nada a favor dos responsábeis políticos.

Como dicía Antón Avilés de Taramancos, a quen lembro con especial cariño: “Se non existisen os escritores e as escritoras, non existirían as Consellarías de Cultura, nin as Deputacións, nin os deputados de Cultura, nin os conselleiros de Cultura”. Isto é, os escritores e as escritoras son os que lle dan contido ao pensamento dun país. Ser demócrata é respectar a pluralidade de pensamento e neste caso a xustificación para quitar dunha programación a catro escritoras foi pouco imaxinativa.

Comentarios