Cervo aproba o plan especial de protección do xacemento da Atalaia

A peninsula, situada en San Cibrao, estivo habitado desde a Idade do Ferro até época medieval. 
A península da Atalaia, en San Cibrao, Cervo (Foto: Turismo da Galiza).
photo_camera A península da Atalaia, en San Cibrao, Cervo (Foto: Turismo da Galiza).

O xacemento arqueolóxico da Atalaia, en San Cibrao conta desde agora cun Plan Especial de Protección aprobado polo Concello de Cervo no pleno de febreiro na procura da súa protección e conservación. Os trámites comezaron en xullo de 2018 e con este paso só quedará que se rexistre e publicar as normas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

O lugar foi inventariado por Patrimonio en abril de 2007 e nel realizáronse varias intervencións arqueolóxicas entre os anos 2006 e 2009. Malia que non se observan a simple vista construcións que sinalaran a presenza dun castro, diversos documentos apuntan que estivo habitado en época castrexa, romana e tamén da Idade Media. Mesmo na última intervención arqueolóxica realizada no lugar desvelouse a existencia dunha posíbel sauna excepcionalmente conservada baixo unha das rúas edificadas da península.

O lugar foi inventariado por Patrimonio en abril de 2007

O Plan Especial aprobado actúa sobre unha superficie de 18.978 metros cadrados, a maior parte de terreo público. O seu obxectivo do Plan é regular os usos e posibilidades do espazo e a facilitar a creación dun parque arqueolóxico urbano musealizado con carteis explicativos, así como a consolidación das estruturas arqueolóxicas que se atopen.

A maiores tamén inclúe, segundo El Progreso, a "necesidade de expropiar as parcelas precisas para que o ámbito sexa de propiedade pública e demoler as edificacións que entorpecen as escavacións no subsolo". 

O xacemento, polos restos que apareceron no lugar e en varios puntos, podería contar cunha extensión que ocuparía a totalidade da península. Por este motivo con este instrumento legal o Concello poderá actuar nalgunhas das construcións actuais para facilitar o proxecto de  conservación. 

Adquisición de propiedades para derribo  

Para a realización dese espazo musealizado, o Concello de Cervo xa realizou as primeiras actuacións. En primeiro lugra, mercou un edificio baleiro que estaba e mans privadas coa intención de derrubalo. Ademais, tentou realizar a mesma operación co esqueleto doutro, tamén no lugar, mais a Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) accedeu a el a través dunha poxa. 

Agora, o paso seguinte é a redacción de proxectos de urbanización e de obras ordinarias que terán que pasar pola Dirección Xeral de Patrimonio. Para iso, contan no mesmo Plan con ordenanzas que controlarán o viario público da zona.

Comentarios