Unha xeira para repensar a xestión do patrimonio

Hoxe ten lugar o Día do Patrimonio. Moitos colectivos e organizacións aproveitan a data para propor reflexións ou actividades arredor deses tesouros vivos dos que moitas veces non somos conscientes. Este ano, a data vén marcada pola virtualidade na divulgación que fará a Rede do Patrimonio Cultural, mais tamén polo anuncio dun proxecto moi ambicioso do Consello da Cultura Galega. Descubre de que se trata!

Cañón Río Sil Ribeira Sacra
photo_camera Canón do Río Sil na Ribeira Sacra, da que se pretende impulsar candidatura como e impulsar la candidatura Patrimonio da Humanidade.

As efemérides e os “Día de” corren con frecuencia o risco de ficar inútiles, baleirados de contido e esquecidos o resto do almanaque. Porén, para algunhas organizacións poden supor unha escusa ou unha oportunidade valiosa para achegar ese traballo que desenvolven de maneira incansábel baixo a superficie durante todos esoutros días que non son (declaradamente) o seu.

Este parece ser o caso do Día do Patrimonio, que, mesmo coas actuais circunstancias e restricións, se resistea renunciar ás habituais actividades que arredor da data adoitan desenvolverse.

Entre as diferentes propostas que atoparemos ao longo do país, a Rede do Patrimonio Cultural convida a unha serie de charlas para pensar o estado diso que chamamos patrimonio. É unha actividade tamén con carácter reivindicativo: máis de 100 entidades mobilizaranse na rede para dar visibilidade ao seu compromiso noso avervo material e inmaterial.

Máis de 100 entidades mobilizaranse na rede para dar visibilidade ao seu compromiso noso avervo material e inmaterial

Desde 2017 as entidades adheridas á Rede do Patrimonio enchen o mapa da Galiza con roteiros, conferencias, visitas guiadas e moitas outras alternativas. Ante a situación sanitaria actual, son conscientes de que teñen que adaptarse a unha nova maneira de incidir na cidadanía, nesta e outras datas, na defensa e posta en valor do legado de antano.

As accións inicialmente previstas mudaron desde modo por un ciclo de videoconferencias públicas e por diversas actividades en liña orientadas ao intercambio de información e á formación no eido.

Videoconferencias

Concretamente, terán lugar hoxe unha charla de Xurxo Ayán que resume o título "Arqueoloxía nova que se chama Ribeira", que modera Pilar Sánchez Monje, da asociación O Sorriso de Daniel.

O 19 de novembro será Rafael Quintía que partille os seus pensamentos sobre a tópica "O valor do patrimonio inmaterial e a súa relación co patrimonio material e natural". Neste caso a moderadora será Emi Cagiao, da asociación Entroido de Samede.

Por último, o 26 de novembro Celtia Rodríguez achegarase ao tema "Campesiñas e loitadoras. Unha visión dende a Arqueoloxía de Xénero", acompañada por Soledad Felloza.

A estas conferencias súmanse diferentes charlas, exposicións, presentacións de libros, vídeos de recollida de tradición oral, difusión do patrimonio local e moito máis, todas elas accións levadas a cabo por diferentes entidades do país.

Destaca, aliás, a campaña a prol da declaración da casa de Ricardo Carvalho Calero como Ben de Interese Cultural, aproveitando que recae no autor outra efeméride, neste caso as Letras Galegas. As actividades poderanse seguir no Facebook da Rede do Patrimonio e na canle de YouTube de Roxin Roxal.

Encontro 'Pecha Kucha'

Outra das accións máis salientábeis, polo seu carácter integrador e de diálogo, está programada de cara ao día 30 de novembro. Trátase dun encontro "Pecha Kucha" no que as distintas entidades da Rede de Patrimonio porán en común proxectos e metodoloxías de acción empregados ao longo dos últimos anos.

Neste 2020 faise ademais unha década da fundación de varias das asociacións, como O Sorriso de Daniel, Monte Pindo Parque Natural ou PatrimonioGalego.net. Outras son mesmo máis lonxevas: 12 anos de Mariña Patrimonio, 15 de Roxin Roxal, 25 de Ponte nas Ondas, 42 de Adega...

Necesidade de políticas

Desde a Rede do Patrimonio lembran a súa insistencia “na necesidade de levar a cabo políticas concretas que se traduzan nun reordenamento do territorio, en sancións máis graves ante as agresións e nun plan de educación en valores patrimoniais que garantan a supervivencia dunha riqueza que nos identifica como un pobo dotado dunha longa e rica historia”.

Foro do patrimonio

Enlazando con esta idea, destaca a información que vén de facer pública o Consello da Cultura Galega sobre os primeiros avances do Foro Patrimonio e Sociedade. Esta proposta, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea, coa participación doutros membros da sección de Patrimonio e Bens Culturais, é pioneira no campo e materialízase en tres mesas nas que participan unha trintena de especialistas durante un ano enteiro para analizar todas as caras deste fenómeno.

Chegan hoxe os primeiros resultados deste proceso de reflexión, que leva traballando desde novembro de 2019 na busca de medidas e solucións que permitan unha maior e mellor comprensión, divulgación e gozo do patrimonio cultural. A pandemia alterou o calendario e atrasou seis meses todas as súas accións.

Os resultados preliminares albiscan, xustamente, algunhas demandas que existen no eido a día de hoxe. Entre as máis urxentes, a necesidade dunha educación máis integral na materia. “Resulta esencial contar cunha formación patrimonial da cidadanía para a co construción dunhas políticas públicas axeitadas á nosa realidade patrimonial e dunha xestión patrimonial integral, aberta e inclusiva”, asegura Blanco-Rotea.

“Resulta esencial contar cunha formación patrimonial da cidadanía para a co construción dunhas políticas públicas axeitadas á nosa realidade”, asegura Blanco-Rotea

Pero hai máis aspectos: a posibilidade de creación dun observatorio galego do patrimonio, a difusión pública dun catálogo patrimonial aberto e de acceso (mesmo participado) para a cidadanía. Outras problemáticas e medidas aínda se están a perfilar, se cadra apuntando cara á necesidade dun plan galego de educación patrimonial.

A xénese

Rebeca Blanco-Rotea explica que o foro parte de tres demandas importantes. A primeira son as eivas e problemáticas “que nos fixeron chegar os e as asistentes ás diferentes xornadas dos ‘Encontros monográficos co patrimonio cultural’ que organiza o CCG desde hai máis de cinco anos e polos que pasaron uns 1.500 participantes”.

A segunda “é o documento que realizamos a petición da Xunta da Galiza como base para a elaboración da estratexia da cultura galega 2021”, explica. E a terceira ten que ver co “incremento de peticións de elaboración de informes ao CCG por parte de colectivos cidadáns en relación con conflitos patrimoniais consecuencia dalgunhas prácticas da Administración, empresas ou outros organismos”.

Artellado en tres mesas, cada unha delas procura fomentar o debate e a reflexión sobre tópicas máis concretas. Cos resultados finais realizarase un foro de debate público que terá lugar no mes de abril de 2021. “De aí sairá un conxunto de documentos que esperamos servirán de marco de traballo para o patrimonio nos vindeiros anos na Galiza”, apunta Blanco-Rotea.

Principais avances por mesas

No marco do deseño das políticas públicas e da normativa legal, os primeiros resultados da mesa coordinada por Teresa Nieto e Cristina Sánchez Carretero falan da necesidade de buscar un equilibrio entre as dinámicas interventoras dos organismos públicos no patrimonio e a reivindicación cidadá, cun protagonismo maior no deseño desas políticas.

Esa gobernanza participativa permitiría amainar unha eiva que veñen detectando desde tempo atrás, que é o incremento de queixas e reclamacións (canalizadas a través da Valedoría do Pobo ou do propio CCG) sobre as actuacións da Administración e outros organismos.

No ámbito da xestión patrimonial, onde Iago Seara e Carlos Nárdiz son os coordinadores, os primeiros avances indican unha liña clara: a necesidade da transversalidade. Ademais, neste grupo de traballo exponse a gravidade de que se estean a tratar os elementos patrimoniais como materia turística, coas conseguintes eivas para a súa conservacións e outros aspectos.

No ámbito do patrimonio, educación, formación e cidadanía, obxecto de análise e reflexión por parte da terceira mesa, apúntase a necesidade de buscar un elemento vertebrador que permita coordinar o labor dos colectivos e asociacións civís. Entre as propostas desta mesa está a creación dun Observatorio Galego do Patrimonio, en cuxa estrutura as redes poderían ter a súa propia representación, e dun Consello de Cooperación Cultural que coordine os diferentes colectivos en materia de patrimonio.

Comentarios