Escavacións realizadas en Sober revelan "un gran hórreo romano"

As escavacións que se realizan na parroquia de Proendos, en Sober, revelaron "un gran hórreo romano" que podería ser o de maior tamaño do noroeste da Península ibérica.

Escavacións en Sober (Imaxe: Xunta da Galiza)
photo_camera Escavacións en Sober (Imaxe: Xunta da Galiza)

O alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, puntualizou esta cuarta feira que "o máis importante foi o xeorradar que se pasou pola zona hai dúas temporadas", co que "xa se divisaban claramente construcións".

"Sabiamos que estaba enterrada unha vila romana, esa mítica Proencia. O ano pasado, na primeira fase dos traballos arqueolóxicos, foise directamente a lugares que parecían que tiñan edificios singulares e, nesta segunda fase, igual", detallou.

Así, anticipou que "se vai descubrir por completo un hórreo romano" cunhas "dimensións espectaculares" e que "pode ser o máis grande de todo o noroeste peninsular".

En concreto, indicou que esta construción "ten un mínimo de seis patas" e un edificio circular que "pode ser un columbario, algún tipo de depósito de auga ou posiblemente tamén un pombal".

Neste sentido, explicou que ao dispor das imaxes do xeorradar trabállase directamente sobre "edificios con certa singularidade".

O rexedor de Sober sinalou que o que se espera, como nas escavacións levadas a cabo o ano pasado, é "atopar elementos que demostren de que época son as zonas que están escavadas", que "poden ser do século I e II do Alto Imperio Romano". "Estamos na zona máis antiga do primeiro plano romano que acredita a existencia de Proencia", apuntou.

Os traballos prolongaranse durante "tres semanas", nunhas catas nas que "traballan 16 persoas". "Despois farase unha xornada de presentación dos resultados. A nosa intención é que a próxima fase que fagamos sexa xa para consolidar este hórreo, deixalo aberto para que sexa visitado", apuntou.

"Imos tratar de desenterrar este hórreo romano e despois consolidalo para deixar aberta esa base do hórreo máis grande da época romana do noroeste peninsular", resumiu finalmente.

Comentarios