O CDG etrea na Galiza 'Manuela Rey Is In Da House', sobre a actriz que foi unha estrela en Portugal

A obra tivo a súa estrea absoluta en novembro no marco da sétima edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo
Unha escena da obra.
photo_camera Unha escena da obra.

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea na Galiza esta quinta feira, 14 de decembro, o espectáculo Manuela Rey Is In Da House -que tivo a súa estrea absoluta en novembro no marco da sétima edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo- cunha serie de funcións que terán lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela até o sábado 16 de marzo para continuar a reivindicar e dar a coñecer entre o público galego a esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser a estrela do teatro lisboeta na segunda metade do século XIX.

A peza, creada entre o CDG, o Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, o Teatro Nacional D. María II de Lisboa e o Teatro Nacional  São João do Porto, naceu como nunha nova colaboración que afonda na proxección exterior da entidade.

Baixo a dirección de Fran Núñez, quen asina tamén a dramaturxia, a conexión galego-portuguesa reflíctese na propia temática da peza, inspirada na historia de Manuela Rey, nacida en Mondoñedo en 1842 e falecida en Lisboa en 1866, aos 23 anos de idade.

 

Equipo luso-galego

Pola banda galega, Mariana Carballal, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero -que asina tamén a música- integran o elenco do espectáculo xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Acompáñaos en escena a arqueóloga Paula Ballesteros, responsábel á súa vez da investigación histórica.

Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación. O equipo complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, e a colaboración especial de Paula Mora, actriz residente no Teatro Nacional D. María II.

Comentarios