Carlos López afonda na obra de artistas como Castelao e Uxío Souto

O profesor e historiador Carlos López Bernárdez explicou na palestra de hoxe, relizada no Museo das Peregrinacións, a arte plástica galega entre os anos 1919-1939.
Carlos López Bernárdez
photo_camera Carlos López Bernárdez. (Foto: Nós Diario)

A agrupación cultural O Galo organizou na xornada de hoxe, no Museo das Peregrinacións, unha palestra e proxección de pintura baixo o título "Galiza: arte e compromiso. 1919-1939".

O profesor e historiador da arte galega, Carlos López Bernárdez, baseouse no seu libro Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta para facer a súa intervención. Nesta, Bernárdez explica o contexto da produción da arte social na Galiza en relación co contexto xeral europeo desde 1919 até o final da Guerra Civil española. 

A través de exemplos de artistas como Castelao, Luís Seoane, Manuel Colmeiro ou Carlos Maside, o profesor e historiador expuxo o desenvolvemento da arte galega desde a perspectiva social e, ao mesmo tempo, comparándoa co contexto europeo social.

Unha etapa "na que é moi acusada a presenza de temas de carácter social na arte, sobre todo, a partir do final dos anos 20, cando comeza o ascenso dos fascismos e da crise económica que provoca unha exacerbación de debate social que se manifesta nas artes plásticas", comentaba Bernárdez.

O historiador destaca da arte plástica galega deses tempos a obra de Castelao, desde Nós até "A derradeira lección do mestre", e a de Carlos Maside, que tamén ten unha grande obra social importante, das que resalta as súas colaboracións nas revistas Nova España e O pobo galego.

Ademais, o profesor tamén falou doutros artistas cuxo traballo é menos coñecido, como as obras de guerra de Manuel Colmeiro, os proxectos de Federico Ribas ou Uxío Souto, de quen destacou a súa etapa dos campos de concentración en Francia, un tema que tamén tratou na palestra.

López Bernárdez agradeceu o "interese do público e a implicación da asociación" á hora de contar con el para a realización dese encontro arredor da arte.

Comentarios