Cultura

O social na arte galega, de Castelao ao "elo de terror"

'Fronte da arte', a máis recente publicación de Carlos L. Bernárdez, súmase ao ronsel dos seus estudos anteriores para pór desta volta o foco no carácter social da arte galega no contexto de entreguerras. Desde a produción máis coñecida de Castelao até a resistencia artística nos campos de internamento franceses, o autor analiza aspectos que teñen a ver coa creación dunha identidade galega de clase na produción dos renovadores da pintura durante os anos 30. 
'La carga' (Carlos Maside, 1931).
photo_camera 'La carga' (Carlos Maside, 1931).

A concepción da arte como "reflexo da historia das ideas e as mentalidades", segundo recolle a cita do historiador Jean Clair que abre o prólogo, é a máxima que rexe en Fronte da Arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta a Carlos L. Bernárdez. Este libro de Laiovento supón unha última achega dentro da serie iniciada polo autor en Do idilio á diáspora (Trea, 2011), unha visión xenérica da pintura galega da primeira metade do século XX.

A actividade de Bernárdez como comisario de exposicións en proxectos sobre a vangarda galega levouno logo a repasar aspectos que complementan esta panorámica, que se materializa co foco en Seoane en Un pintor que sabía o que facía (Laiovento, 2015). Un terceiro volume, Identidade e universalidade (Laiovento, 2018), propón unha relectura da pintura galega da época desde os xéneros.

"O que me interesa é contar unha historia da arte outra", afirma Bernárdez

A estes súmase Fronte da Arte para, entre os moitos enfoques distintos e complementarios posíbeis, optar por unha liña que ten a ver coa socioloxía da arte, moi vinculada á historia das ideas e das mentalidades, que parte de principios filosóficos de carácter marxista, pero non desde o punto de vista ortodoxo, sen descartar aspectos doutros eidos metodolóxicos. "O que me interesa é contar unha historia da arte outra", afirma Bernárdez, no sentido "da nosa posición como nación" e desde "o rol que xogou historicamente a Galiza, que implica lecturas que se deben repasar ou modificar desde a nosa propia perspectiva".

O autor reúne conferencias ou artigos que xa foran previamente publicados, mais que agora adquiren esa unidade de "repasar o social na arte galega no contexto de entreguerras", entre o final dos anos 20 e os 30. Isto refire un período convulso, que vai desde a época republicana á Guerra Civil e o exilio.

Bernárdez defenfe unha definición do movemento renovador na pintura como "de clase e identitario", que non é unicamente froito "dunha preferencia á hora de analizar determinadas cuestións", senón da propia produción teórica dos artistas, "da visión que tiñan da propia obra e do sentido que esta tiña no contexto cultural, político e social galego", di. Aínda coa mudanza de contextos, interno na Galiza ou externo no exilio, os autores manteñen "unhas preocupacións comúns".

Castelao, principio e fin

O primeiro capítulo comeza e remata con Castelao para ofrecer unha lectura desde o social, nun argumento especialmente motivado "pola presenza na Galiza d'A derradeira lección do mestre", explica Bernárdez, cadro que estivo exposto recentemente no país traído de Bos Aires. Esta obra pon case fin a un período que comeza co Álbum Nós do mesmo autor, con toda a obra do movemento renovador polo medio. Falamos de Carlos Maside, Arturo Souto ou Manuel Colmeiro, así como doutros autores que non son estritamente vencellados a este, pero que teñen afinidade "sobre todo na Guerra Civil, porque hai unha produción de carácter case militante" na que aparecen nomes como Cándido Fernández Mazas ou Luís Seoane.

Iconografía feminina

A Muller sentada de Maside sérvelle a Bernárdez para reflexionar sobre a iconografía feminina, que ten no caso galego gran relevancia, segundo as propias explicacións do movemento. A muller úsase como imaxe que representa de maneira xenérica o país, cun sentido de clase. Aparece así, como tamén a nivel internacional, a identificación coa terra e, ás veces, coa nación, unha perspectiva que, explica Bernárdez, pode ter un sentido ideolóxico moi distinto, desde o puramente formalista, ao vencellado a valores políticos fortes de carácter moi distante –do fascismo ao comunismo.

A muller úsase como imaxe que representa o país, cun sentido de clase

"Quería explicar esa concepción porque esas imaxes adoitan verse desde unha óptica reaccionaria, que non aparece na Galiza", asegura. Estas ideas maniféstanse ademais en Souto, Colmeiro ou mesmo na escultura de Francisco Asorey, engade, "vinculada á tradición formal do mundo románico, popular, barroco...". Se isto pasa polo "simbolismo eterno da muller como virxe nai", tamén se achega a un "ideario identitario de carácter progresista, esa Galiza 'nai e señora' de Cabanillas".

Desaloxados da historia

O autor tamén recupera o Seoane dos semanarios frontepopulistas Claridad e Ser, cun emprego da ilustración gráfica militante nun momento especialmente tenso, previo á Guerra Civil. Estas publicacións son pouco coñecidas, pois a totalidade dos números presentan difícil acceso. Cunha sátira política intensa, de marcada liña antifascista, a pesar da "inmediatez social" posúe unha "intensidade formal moi profunda", describe o comisario. A esta propaganda suma un estudo do construtivismo a través do deseño proletario da revista Yunque, centrado en Ángel Johan.

O último capítulo é o máis directamente ligado ao internacional, a través dunha análise de como os artistas galegos –e non só– continúan a elaborar unha obra de carácter social mesmo na situación límite dos campos de internamento franceses nos que estiveron os republicanos en 1939. Estes funcionan como un "elo de terror" que une o exilio co exterminio nazi e que se presenta como un "compendio dos terrores do século XX" –a través, por exemplo, da latrina como metonimia do horror"– e que atopa na práctica artística un "espazo de resistencia cultural". E aí estaba a obra de artistas galegos, que nunca fora tocada. Bernárdez destaca o traballo de escultor, sobre papel, de Uxío Souto, ou a presenza de Eugenio Granell ou Francisco Vázquez, chamado Compostela.

Existe unha enorme dificultade para recuperar certos nomes debido á desaparición ou o asasinato. Así, resulta complexo realizar exposicións ou desenvolver investigacións a fondo. "Foron, nese sentido, dobremente asasinados", di Bernárdez. Noutros casos, cómpre rescatar a obra máis militante. Malia todo, "pouco a pouco van saíndo adiante traballos" que inciden nestas liñas, como a obra de guerra de Colmeiro, exposta no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, ou as de Federico Rivas ou Arturo Souto. "Sería moi interesante un proxecto para que todo isto chegase ao gran público", reivindica Bernárdez.

Comentarios