Colmeiro máis alá do paisaxismo lírico

Ampla mostra no Marco de Vigo até o 24 de maio
Manuel Colmeiro
photo_camera Unha acuarela de Comeiro, titulado 'Bilbao' e pintada en 1935. Foto: Marco/Enrique Touriño.

O discurso crítico dominante sobre a pintura de Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) céntrase na súa etapa de madureza. O lirismo, a paisaxe, a cultura popular, eran, nos anos 60, a materia da súa obra e o que lle valeu recoñecemento e exposicións individuais en Londres, Lisboa ou París. Mais houbo outros Colmeiro, artista de longa vida, extensa traxectoria e múltiples variacións. Todos eles figuran na mostra Espazos e encadramentos, comisariada polo crítico, ensaísta e colaborador da publicación semanal Sermos Galiza Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958). Inaugurouse a pasada sexta feira no Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo, onde permanecerá até o 24 de maio.

"O título adianta aspectos do proxecto expositivo", explica López Bernárdez a Nós Diario, "refírese aos espazos vitais e, sobre todo, culturais de Colmeiro. E ao seu encaixe, encadramento, neles". Organizadas en cinco seccións, 90 pezas serven para trazar a axitada existencia dun pintor cuxo nome destaca no Movemento Renovador da Arte Galega da época republicana, mais cuxo traballo se desprega ao longo de todo o século XX. Emigrado de cativo á Arxentina, alí recibiu a primeira formación artística. Axiña abandonou os estudos regrados e, canda Demetrio Urruchua, funda un obradoiro independente.

"O impacto da Revolución Rusa foi enorme nel. Ao tempo, estaba en contacto cos traballadores do porto. É cando asume a preocupación social, que xa nunca deixaría", considera o comisario. Con estes vimbios regresou á súa Galiza natal. Era 1926 e a arte galega asomábase ás liñas de fractura anteriores á Guerra Civil. "Daquela consolida o seu estilo, vinculado ao Movemento Renovador da Arte Galega e a colegas como Arturo Souto, Carlos Maside, Laxeiro ou Manuel Torres", sinala. O tema social, "mesmo proletario", ou o tema labrego relacionado coa vindicación nacional galega aparecen nos seus lenzos, figurativos e coloridos, en contacto co que Bernárdez chama "realismos modernos". Colmeiro sintetiza neste tempo os elementos fundamentais do seu estilo.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios