O Carballo Interplay volve de 4 a 7 de abril e cun novo premio para os creadores de contido dixital en galego

O festival celebra a súa undécima edición. Repartiranse un total de 6.000 euros en premios, divididos en tres categorías: Mellor Contigo Dixital en Galego, Mellor Produción de Contido Audiovisual en Galego e na Competición Oficial de Series en Formato Curto. O é fomentar a creación e premiar o talento no eido dixital.

O Carballo Interplay decorre esta semana no concello bergantiñán.

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay xa ten data para a súa próxima edición, que será os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2024. Como novidade, nesta edición estrearase o Premio a Mellor Contido Dixital en Galego, que nace co obxectivo de pór en valor e visibilizar aos creadores e creadoras que difunden contidos audiovisuais en lingua galega na internet.

Desde o 30 de novembro están abertas as convocatorias para este premio e para os xa habituais, dirixidos a series internacionais de formato curto e o dedicado á produción de contido dixital en galego, para o que as persoas participantes presentan un proxecto a desenvolver. 

O Premio a Mellor Contido Dixital en Galego está dirixido a proxectos que se difundan en Instagram, TikTok ou Youtube, de creación propia e en lingua galega. Dentro desta convocatoria haberá dous recoñecementos, o primeiro destinado á Mellor Canle, que conta cunha contía económica de 600 euros; e o segundo para o Mellor Creador ou Creadora, dotado con 600 euros. 

O Premio á Mellor Produción de Contido Audiovisual en Galego ten como obxectivo apoiar a creación audiovisual mediante un premio de 3.000 euros que se dedicará ao desenvolvemento do proxecto gañador. Grazas a esta axuda producíronse series como Xan, premiada nos Premios Mestre Mateo, de Miguel Canalejo e Lucía Estévez; Amnesia 3.0, de Irene Pin, Cacola, de David Fidalgo ou Pringadas, de Belén Puime.

 Cabe destacar que esta modalidade non está suxeita só á creación de series, está aberta a proxectos de técnica e temática variada que teñan como canle de difusión redes sociais como Tik Tok, Youtube ou Instagram.

Como cada ano, mantense o buque insignia do Carballo Interplay, a súa Competición Oficial de Series en Formato Curto, pensada para producións internacionais realizadas entre 2023 e 2024. O requisito a cumplir é que teña, polo menos, tres capítulos producidos que non superen os 30 minutos cada un. Os premios outorgados nesta categororía serán á Mellor serie (dotado de 800 euros e trofeo), Premio do Xurado Novo (dotado de 400 euros e trofeo), Premio do Público (400 euros e trofeo) e un Premio a Mellor Dirección de 200 euros e trofeo. 

Para inscribirse en calquera das categorías competitivas do festival, os interesados e interesadas deberán cubrir un formulario na web do festival, onde tamén poden consultar todas as bases. 

Comentarios