Cultura

Capitán Gosende descobre un petróglifo e unha mámoa en Caroi, Cotobade

Non hai acordo entre as persoas expertas sobre a contemporaneidade dos elementos
Integrantes do colectivo Capitán Gosende a carón do petróglifo das Zacoteiras, na parroquia de Caroi (Cotobade).
photo_camera Integrantes do colectivo Capitán Gosende a carón do petróglifo das Zacoteiras, na parroquia de Caroi (Cotobade).

O colectivo Capitán Gosende vén de facer un achado de relevancia na parroquia de Caroi –antigo concello de Cotobade, hoxe fusionado con Cercedo–, a máis meridional, xunto á Barcia, da comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Trátase dun petróglifo e unha mámoa, que se suman ao conxunto tumulario do campo das Zacoteiras, formado por outras tres medorras catalogadas previamente. Foi xusto a comprobación do seu estado de conservación o que levou ao grupo a se achegar á zona. Mais aproveitando a ocasión, despregáronse para revisar os arredores e bateron co gravado, que bautizaron como petróglifo das Zacoteiras.

A estación está composta por tres paneis que presentan un "avanzado estado de desgaste", explica Calros Solla, unha das persoas integrantes da equipa. "O granito de gran groso facilita o traballo dos axentes erosivos", argumenta, así que só con "luz rasante" se conseguen albiscar a maior parte das figuras. No panel principal, situado a unha cota superior, apréciase un conxunto de coviñas e acanaladuras entrecruzadas.

O segundo, contiguo mais cara ao nordés, componse dunhas 16 concavidades talladas, aínda que a erosión impide apreciar outros elementos. Nun terceiro, máis afastado, a uns 12 ou 13 metros, descubriron outro petróglifo cun risco cruciforme "ben curioso", comenta Solla, pois ten "forma de U e non de V", o que indica unha antigüidade previa á utilización do ferro.

Ademais, a equipa deu cunha cuarta mámoa no campo. Este túmulo presenta unha ampla foca de espoliación, próximo ao camiño que a veciñanza das aldeas do Coto, da Graña e da Eirexe (núcleo de Caroi) enfilan para achegarse ao monte Caveiro. 

Enigmas da antigüidade

A disposición dos achados lémbralle a Solla o descubrimento feito na necrópole do Castriño (parroquia de Quireza), onde tamén se atopou "un campo de mámoas arredor dunha estrutura petróglifa". A conxunción dos elementos esperta incógnitas sobre a datación dos restos. Pertencen á idade de Bronce, de media uns 4.500 anos atrás, ou son contemporáneos ás mámoas e, polo tanto, teñen unha antigüidade aínda maior, por volta dos 6.000 anos? Formaban acaso parte dun espazo ritual mortuorio do Neolítico? Solla faise estas preguntas indicando que non hai acordo entre as persoas expertas.

Futuro dos achados

Aínda que non hai ningún petróglifo catalogado na parroquia de Caroi, non é o primeiro que aparece. Xa en 2016 deron cun gravado rupestre no monte de Medelo, que chamaron petróglifo de Regaseis. Por outra banda, o estado de conservación das mámoas de Zacoteiras, que deu lugar en primeiro momento á expedición, é "deplorábel", segundo valora Solla.

Os túmulos atópanse "sen sinalar" e "cubertos pola matogueira", algo que non sería necesariamente negativo, mais que supón un risco ante a presenza de maquinaria pesada no monte, ou mesmo cando se fan as rozas sen ter idea da localización destes restos. "A menos que saibas con exactitude onde están, non os ves", asegura.

O futuro dos achados pasa pola divulgación do colectivo e a comunicación a patrimonio, aínda que desde Capitán Gosende xa non teñen moitas esperanzas no labor de catalogación e protección das Administracións. 

Catalogación

Os achados do campo das Zacoteiras súmanse ás preto de 80 estacións que Capitán Gosende ten documentado na Terra de Montes, considerando as antigas delimitacións da comarca como a súa área de traballo. Porén, de todos estes xacementos arqueolóxicos feitos pola longa traxectoria do grupo "ningún está aínda catalogado", afirma Solla. A asociación centra os seus esforzos na divulgación e informa as autoridades competentes, pero "outra cousa é que fagan algo", comenta. Este desleixo por parte da Xunta esténdese tamén ás Administracións locais, desde as que non recibiron ao longo deste tempo ningún tipo de contacto para, cando menos, ver de que maneira "axilizar o labor de catalogación" ou sinalizar e protexer os restos. 

Comentarios