O Canjazz recibe artistas de Portugal, Francia, Brasil, EUA e de Noruega

O Festival de Jazz de Cangas celebra a súa 26º edición a partir do día 20.

Xosé Miguelez.
photo_camera Xosé Miguelez.

A 26ª edición do Festival de Jazz de Cangas, Canjazz 2023, presentouse onte nun acto no que participaron a alcaldesa de Cangas, a nacionalista Araceli Xestido, a concelleira de Cultura Aurora Prieto, e os directores artísticos do festival Iago Fernández e Xan Campos.

O festival arrincará o domingo 20 cunha xornada protagonizada pola cantante brasileira Catia Werneck. A velada continuará cun concerto de Su Garrido Pombo Trio na Taberna Cambika que  dará paso á jam session. 

O día 21 o festival acollerá a Xose Miguélez & Jean-Michel Pilc 4tet. Tras o éxito internacional dos seus dous primeiros traballos Ontology e Contradictio, a banda recala en Cangas para ofrecer un adianto do seu novo disco. O cuarteto complétase con dous sobresaíntes músicos de Portugal, Carlos Barretto no contrabaixo e Marcos Cavaleiro na batería. A continuación, na Taberna Cambika, o contrabaixista murciano Pedro Molina contará co saxofonista Diego Alonso, o pianista Sunil López e o batería Zé Stark para presentar a súa proposta Prefacio

 

Jazz escandinavo

O cuarteto da trompetista noruega Hildegunn Oiseth, ofrecerá o día 22 unha proposta de jazz escandinavo, folk e electrónica, reforzada coa incorporación do Bukkerhorn (corno de cabra), instrumento tradicional do que Oiseth é unha virtuosa. A noite continuará co concerto do trío de Martín Otero, un dos pianistas galegos máis prometedores do momento, e jam session no Ghato de Mar. 

O festival rematará o día 23 co trío do pianista Yago Vázquez, o músico galego con máis repercusión na escena neoiorquina, que presenta unha formación nova, con Elam Friedlander no contrabaixo e Jesse Simpson na batería. A programación do Canjazz 2023 rematará no Chiringo de Massó cun concerto de  Javier Pereiro “In-Trio-Vice”. 

 

Comentarios