Contracultura

Bruno Arias: "Xela morreu cando eu tiña cinco anos; o documental fala sobre esa ausencia"

Bruno Arias vén de estrear a súa primeira película no Festival Cineuropa, en Santiago de Compostela. Neste documental, 'Os espazos en branco', o director vigués trata desde unha perspectiva moi persoal a ausencia na súa vida da súa tía, a escritora Xela Arias; o sentimento de perda na familia e como é coñecer un ser querido a través dos relatos doutras persoas.
O director vigués Bruno Arias. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O director vigués Bruno Arias. (Foto: Nós Diario)

—É o primeiro filme da súa carreira. Cal foi a faísca que detonou a creación deste proxecto?
É unha chispa bastante familiar. Ao final é unha película sobre a miña relación coa miña tía. Penso que é normal que sendo a miña tía Xela Arias, desde o cariño e a admiración que lle teño, sexa unha referencia para min. No ano 2021, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas, decidín lanzarme a facer algo máis grande e acabou collendo sentido facer unha longametraxe documental.

Cando comecei con este proxecto quería facer unha obra máis biográfica, que fose unha homenaxe, mais finalmente quedou algo moito máis persoal e íntimo. 
Ela morreu cando eu tiña cinco anos e o documental fala precisamente sobre esa ausencia que eu notaba e sobre a contradición que supón que sexa unha persoa que influíu moito na miña vida malia eu case non a cegar a coñecer. Case non a lembro.

—Realizar este traballo fixo cambiar a visión que tiña de Xela Arias?
Cento por cento. Fíxome cambiar a visión que tiña sobre moitas cousas. Sobre o proceso creativo, sobre min mesmo e tamén sobre Xela. Primeiro, porque a imaxe que tiven sempre dela estaba moi vencellada á súa imaxe como figura pública. Este proxecto deume a oportunidade de coñecer un pouco máis a persoa que hai detrás da poeta e coñecer algunhas cousas que antes, sen ter a escusa do filme, pois non preguntara á miña familia.

Coñecela da man de amigas, compañeiras e familiares deume unha imaxe que é unha suma de todas esas voces. Descubrín unha faceta máis humana dela que me gusta moito porque sinto que conecta máis comigo. Agora estou en paz coas cousas que non coñecín dela e con que a miña forma de coñecela sexa a través do que me contan outras persoas. 

—Houbo un cambio no título da longametraxe durante o proceso de creación. Por que?
Si, ao comezo íase titular A unidade componse da desorde e agora é Os espazos en branco. Os dous son versos de Xela e tanto o primeiro como o segundo sinto que describen moi ben o espírito da película. Foron dúas fases distintas do proxecto. A primeira tivo moito máis que ver co proceso de preprodución e documentación. Aí fixemos moito máis fincapé nesta noción de que as persoas estamos construídas por unha multitude de voces, por un montón de relatos que son caóticos e que entre todos eles compoñen unha imaxe, unha persoa que non se entende se non está construída a través de toda a xente coa que fala ao longo da súa vida. Porén, a segunda etapa ten que ver coa propia rodaxe e montaxe. É un momento máis maduro do proxecto e necesitabamos un cambio de nome para crear unha nova concepción da longametraxe e Os espazos en branco encaixaba moi ben, xa que trata sobre como nos coñecemos desde esas ausencias.

—No filme actúan Melania Cruz, Sheyla Fariña e Lidia Veiga. Que significou contar co traballo destas tres actrices no seu proxecto?
Ao comezo producíame bastante respecto, dábame até certo medo porque é o primeiro filme que dirixo. Sorprendeume o moito que sumaron cada unha delas desde a súa maneira de afrontar a interpretación e de concibir os personaxes. Sinto que aprendín moito delas e da súa experiencia. Sinto que escollemos moi ben. 

—Que se sente ao debutar nun evento con tantos anos de historia como Cineuropa?
É un festival que significa moito para min e para a xente do equipo, xa que levamos indo moitos anos. O feito de facer unha película é incríbel e xa rematala é algo que non  cres. Ademais, que a poidas estrear é unha loucura e se o fas nun festival como este e esgotas as entradas é o broche de ouro.

Comentarios