Bota a andar a terceira edición do Concurso Manuel María de Composición

Organizado pola Casa-Museo Manuel María, o certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.

Presentación, esta quinta feira, das bases do concurso.
photo_camera Presentación, esta quinta feira, das bases do concurso.

Coa publicación das súas Bases, ponse esta sexta feira en andamento unha nova edición, a terceira, do Concurso Manuel María de Composicións Musicais, que convoca a Casa-Museo do escritor. O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.

O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren, calquera que sexa a súa nacionalidade ou residencia, sendo a data límite de presentación dos traballos o 15 de xuño. As composicións deberán ser realizadas sobre un poema de Manuel María, sendo orixinais, inéditas, sen estrear e estar clasificadas dentro da modalidade de canción galega.

En cada edición vaise variando a voz de acompañamento ao piano, de maneira que se nas dúas anteriores foi para barítno e soprano, nesta terceira as composicións estarán escritas para voz de mezzo-soprano.

O certame convocado conta cun único premio en metálico de 1.000 euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das cancións finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.

O concurso desenvolverase en dúas fases de xeito que na primeira o xurado seleccionará un máximo de cinco cancións finalistas que pasarán a unha segunda fase. Na fase final determinarase a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. Para iso levarase a cabo un acto con concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María durante o mes de outubro. Unha mezzo-soprano e un pianista interpretarán as cancións seleccionadas, dentro dun recital de cancións galegas. No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora.

Comentarios