Encargo da Asociación Fuco Buxán de Ferrol para celebrar o Día da Clase Obreira Galega

Juán Durán estrea unha obra que lembra os sucesos de marzo de 1972

A obra do compositor Juán Durán entrou moitas veces na historia da Galiza: desde a Cantiga Finisterrae, con textos de Miguel Anxo Fernán Vello, até a ópera O arame, con libreto de Manuel Lourenzo, ou co recente ballet Hildegart, baseado na vida de Hildegart Rodríguez Carballeira e recentemente estreada pola Real Filharmonía de Galiza. Agora, Durán estrea unha obra que rememora os feitos de marzo de 1972 en Ferrol. 

Juan Durán
photo_camera Juan Durán

“Eu era un neno cando todo isto ocorreu, pero o meu pai traballaba nunha fábrica e lembro perfectamente a sensibilidade social fronte a todo o que estaba a suceder. Iso queda aí”. Juan Durán fala así dos sucesos vividos en Ferrol o 10 de marzo de 1972, que deron lugar ao Día da Clase Obreira Galega: a loita do movemento obreiro galego foi testemuña nesa xornada do asasinato de dous obreiros da Bazán a mans da policía franquista: Amador Rey e Daniel Niebla. Para lembralo, o vindeiro día 12 de febreiro, no Auditorio da cidade, o compositor estrea a súa obra Ferrol 1972, que celebra o quincuaxésimo aniversario daqueles feitos

“Todo comezou cunha chamada de Rafael Pillado”, explica Durán en declaracións a Nós Diario, “que tivo a idea de estrear unha obra alegórica relacionada cos sucesos daquela data para que fose estreada no  50º aniversario. E a min a idea pareceume atractiva porque crin procedente escribir unha obra que recollese a banda sonora dos feitos acontecidos naquel momento, ademais de participar nun acto cívico na medida das miñas posibilidades. Síntome concernido polo que sucedeu e, xa que me deron a oportunidade, quixen participar de forma solidaria, sen recibir nada a cambio”. 

A obra combina unha parte épica -a da loita obreira- con outra elexíaca -a da homenaxe e a lembranza-, e para ambas o metal encaixa moi ben.

A obra de Durán está escrita para quinteto de metais, piano e tres percusionistas, o que fai prever unha obra contundente. “Eu quería unha agrupación instrumental que tivese moita forza", declara, "porque hai momentos na obra na que a escoita quere referir ás persecucións pola rúa. Precisaba unha forza escura e o piano máis a percusión xunto co quinteto de metais dá unha sonoridade moi potente que se adapta moi ben a este contido. Por outro lado, combina unha parte épica -a da loita obreira- con outra elexíaca -a da homenaxe e a lembranza-, e para ambas o metal encaixa moi ben. Eu quería que houbese unha certa solemnidade nesta obra, que se recoñecese aos protagonistas a súa condición de heroes. O que non hai é lírica, aquilo de lírico non tivo nada”. 

"Sucede que o mundo da loita obreira, nas últimas décadas, asóciase ás músicas de cantautor, da persoa que ía cunha guitarra e alentaba a loita. Mais creo que a música académica tamén pode proporcionar ideas neste campo", declara Durán

Música e loita obreira

Non é frecuente que a música académica galega sexa convocada para as homenaxes deste tipo de acontecementos, malia a existencia de precedentes tan ilustres como o de Luigi Nono, un dos compositores máis influentes do século XX, que construíu unha gran parte da súa obra sobre un compromiso político inalienábel. Durán cre que “ás veces esquecemos a funcionalidade da música. Nos séculos XVII e XVIII a música estaba ao servizo da aristocracia e compúñanse obras para celebrar un natalicio, un funeral, unha voda; ou da Igrexa, e entón as composicións servían para festas concretas: epifanía, Nadal, Semana Santa... Esa funcionalidade da música é positiva para o compositor, que coñece e interpreta as chaves do seu tempo e introdúceas na obra, e para o público, que ve que a arte reflicte o que acontece na sociedade. Eu creo que feitos históricos coma este deberían ter unha banda sonora. Sucede que o mundo da loita obreira, nas últimas décadas, asóciase ás músicas de cantautor, da persoa que ía cunha guitarra e alentaba a loita. Mais creo que a música académica tamén pode proporcionar ideas neste campo. O publico será quen o diga, pero creo que acertamos”. 

Un repertorio esquecido

Durán é un dos compositores que máis ten reivindicado unha maior presenza de obras de autores galegos nos repertorios das orquestras do país. "A música académica galega segue sendo unha gran descoñecida. Como noutros moitos campos, seguimos sen ser un país normalizado. A literatura tivo un desenvolvemento moi reivindicado, de forma que se lle preguntas a calquera quen escribiu "Negra Sombra", sabe que a autora é Rosalía. Pero se lle preguntas a esa persoa quen compuxo a música, probabelmente non terá nin idea de quen foi Xoán Montes. Evidentemente, está moi ben que se programen Bach e Beethoven, mais temos que defender o noso, e se non o defendemos nós, non o vai defender ninguén"

Comentarios