O BNG propón que se nomee a Vicetto fillo predilecto de Ferrol

A moción tamén demanda, entre outras peticións, a restauración do seu busto no parque municipal.
Presentación, o 13 de marzo, da moción do BNG.
photo_camera Presentación, o 13 de marzo, da moción do BNG.

O BNG acompañado das entidades locais Ferrolterra Antiga e a Sociedade Cultural Medulio presentaron esta mañá unha moción para que o concello de Ferrol nomee como fillo predilecto da cidade a Benito Vicetto.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou que a cidade de Ferrol ten a necesidade de recuperar "o orgullo por todo aquilo que foi, do que é e do traballo que se ten feito para construir unha cidade e un país" e nisto "Benitto Vicetto é unha personaxe referencial", sinala o grupo nacionalistas.

"Tendo en conta a efeméride que supón a conmemoración dos douscentos anos do seu nacemento o concello de Ferrol debe comprometerse coa rehabilitación da figura e obra dun dos autores máis determinantes do século XIX no noso país", manifesta o BNG.

 

Outras reivindicacións

A iniciativa propón, ademais de declarar Vicetto como fillo predilecto da cidade de Ferrol, a restauración do seu busto no parque municipal, a colocación dunha nova placa, en substitución da actual, na Rúa Benito Vicetto, en Ferrol Vello, adaptada á legalidade vixente e acompañada dunha pequena información sobre a súa persoa e obra, a realización dunha exposición na biblioteca municipal cos fondos bibliográficos do autor, á revisión do estado da súa tumba no cemiterio de Catabois e a realización dunha ofrenda floral, coincidindo coa data do seu nacemento. 

Aproveitando o segundo centenario do nacemento de Vicetto, nado en Ferrol o 21 de maio de 1824, a Sociedade Cultural Medulio e a Asociación Ferrolterra Antiga comezaron este mes unha xeira de mesas redondas e actividades que reivindicarán a súa figura e a súa obra.

Comentarios