O libro quere revisar a figura dun artista chave na historia da música galega

Unha biografía recupera a figura e a extensa obra de Suso Vaamonde

Unha condena por cantar o retrouso dunha canción converteuno no primeiro exiliado da democracia. Aquel episodio popularizou a figura de Suso Vaamonde, mais acabou por ocultar un inxente labor musical e un compromiso cívico que agora recupera Fernando Fernández Rego nunha biografía editada por Galaxia.
Suso Vaamonde, Bernardino Graña e Méndez Ferrín nun festival en solidariedade con Cuba, en 1993.
photo_camera Suso Vaamonde, Bernardino Graña e Méndez Ferrín nun festival en solidariedade con Cuba, en 1993.

Foi un músico fóra de toda norma, que percorreu camiños moi afastados dos que habitualmente seguen os da súa profesión. O compromiso que Suso Vaamonde mantivo sempre coa terra, co pobo e coa lingua, marcaron unha traxectoria absolutamente singular que lle concedeu un lugar de honra dentro da música popular galega, mais que tamén o condenou a unha especie de limbo: reivindicalo segue a ser comprometido para case todo o mundo. Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo, a biografía que acaba de publicar Fernando Fernández Rego en Galaxia, pretende acabar con todos eses tabús, ao tempo que dá a coñecer unha figura que quedou parcialmente escurecida polo episodio da súa condena “por inxurias á patria” e o posterior exilio  en Europa e América que derivou dela. 

"Autores como Bernardino Graña ou o propio Manuel María recoñecían que os discos de Vaamonde xogaran un papel importantísimo na difusión da súa obra”, explica Fernández Rego

“En certo sentido, aquel episodio non permitiu valorar as achegas de Suso Vaamonde en toda a súa amplitude”, explica Fernández Rego a Nós Diario. “E creo que é absolutamente inxusto: o traballo que fixo a prol da música popular foi realmente importante, especialmente en canto á popularización da poesía: había moitos poemas musicados de autores clásicos como Rosalía, pero el foi o primeiro en apostar nos poetas contemporáneos. Autores como Bernardino Graña ou o propio Manuel María recoñecían que os discos de Vaamonde xogaran un papel importantísimo na difusión da súa obra”. 

A carreira de Suso Vaamonde comezou ligada a Voces Ceibes, mais o certo é que nunca acabou de integrarse no grupo. “Era unha época convulsa na que as polémicas e discusións ideolóxicas alcanzaban unha temperatura realmente alta. E en Voces Ceibes confluíron músicos cunhas personalidades moi marcadas que, naquel ambiente, inevitabelmente chocaban”, di Fernández Rego. 

Daqueles tempos, a biografía de Vaamonde relata as controversias entre os membros de Voces Ceibes e dalgúns outros cantautores con figuras do mainstream daquel momento, como Juan Pardo ou Andrés do Barro, que foron considerados “oportunistas” polo seu emprego do galego. “En realidade”, aclara Fernández Rego, “o que sucedía é que os cantautores facían un uso moi político da canción en galego e temían que o uso da lingua por parte de figuras cunha ampla proxección comercial desactivase a súa mensaxe de protesta. Co tempo, moitos deles recoñeceron que, en realidade, todos estaban no mesmo barco, pero a fin da ditadura, dalgunha maneira, propiciaba aquel clima de enfrontamento”. 

Vaamonde sempre estivo ao servizo de todas as causas populares: alí onde había un conflito laboral ou político, acudía a cantar sen preocuparse de se ía cobrar ou non.

Vaamonde sempre estivo ao servizo de todas as causas populares: alí onde había un conflito laboral ou político, acudía a cantar sen preocuparse de se ía cobrar ou non. “O único que preguntaba era se había suficientes cartos para gasolina; sempre estaba listo para cantar en solidariedade con calquera causa popular. Claro, co tempo aquela actitude pasoulle factura: sempre se queixaba, aínda que con moita ironía, de que, cando non había diñeiro para organizar un concerto, o chamaban a el, e que cando había fondos para pagarlles aos artistas, chamaban a Azucar Moreno. O triste é que esa é unha actitude que aínda se mantén en moitos aspectos da vida cultural galega”, declara o autor da biografía. 

E malia ese incansábel compromiso, a reivindicación de Vaamonde segue sen facerse dunha maneira clara: “Por unha banda, algunhas das súas boutades quedaron por riba da súa figura; por outra, o feito de non ligarse nunca a unhas siglas políticas concretas axudou moito a ese ostracismo ao que estivo condenado durante moito tempo”, resume.

Dignificar a música popular 

Durante a conversa, Fernández Rego non deixa de chamar a atención sobre algunhas das cousas que se lle deben a Suso Vaamonde, que non son coñecidas polo gran público e que quedan reflectidas no libro. A súa dedicación  á canción infantil, por exemplo, convencido de que o futuro pasaba por levarlles o galego ás novas xeracións. Ou o labor de recollida de cancións  tradicionais. "Sempre ía co seu caderno polas tabernas, facendo amizade coa xente e cantando con eles. Así foi como recuperou, por exemplo, o Pousa, na zona da Estrada, o agora a popularísima Apaga o candil. Non hai que esquecer a súa achega á formación do gran grupo tabernario e popular galego, A Roda". 

Un traballo realizado desde o seu propio selo discográfico, Trebón, nuns traballos discográficos que, en moitas ocasións, non están ao alcance do público. "Creo que ese é un tema moi preocupante", apunta Fernández Rego, "e creo que as institucións deberían tomalo máis en serie, xa que non existen selos discográficos na Galiza que poidan afrontar proxectos deste tipo. Faltan reedicións razoadas e anotadas dun material fundamental para a historia da música galega, non só de Suso Vaamonde, senón tamén doutras figuras fundamentais -malia que moi diferentes- como Andrés do Barro, Pucho Boedo ou Ana Kiro. A cultura popular galega sempre se tratou cun paternalismo que acabou por denostala, por encadrala no capítulo da música de verbena. E precisamos dignificala, porque forma parte da memoria colectiva e porque, en moitos casos, acadaron niveis de calidade perfectamente homologábeis cos da música doutros países que tratan mellor ca nós a súa herdanza musical.

Un músico que non facía concesións

O nome de Suso Vaamonde, segue a ser respectado como o dun auténtico mito da música popular. 

"É un esteo da música deste país, e desde uns parámetros propios", subliña Fernández Rego, "non se pode asimilar a ningunha das correntes estabelecidas a partir dos anos 70 e 80 do século pasado. Eu identifícoo, sobre todo, con Woody Guthrie, un cantautor que busca a cerna da música do seu país, que se compromete politicamente coas causas progresistas e que non fai concesións. Malia todos os obstáculos que atopou, non se desviou en ningún momento do que lle ditaban as súas conviccións".

Comentarios