Unha biografía de Suso Vaamonde reivindica a súa figura pioneira

O traballo, realizado por Fernando Fernández Rego, publicouno a Editorial Galaxia. 
Capa da publicación (Foto Editorial Galaxia).
photo_camera Capa da publicación (Foto Editorial Galaxia).

A Editorial Galaxia vén de publicar Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo, un traballo de Fernando Fernández Rego que reivindica a vixencia e actualidade do cantautor de Ponte Caldelas.

Trátase dunha biografía que analiza o seu papel na música galega, así como os coñecidos episodios que provocaron o seu exilio e o seu paso polo cárcere,  chegando a ser o primeiro músico condenado pola censura na democracia. 

"Suso Vaamonde creu sempre no país da utopía, loitou sempre pola defensa dun pobo, dunha terra e dunha lingua", asegura o autor no limiar do libro, "loitou por mudar o mundo que lle tocou vivir -aqueles tempos da ditadura e de Voces Ceibes- e todo iso tradúcese na conversión da súa figura como unha das máis relevantes da música galega", engade. 

Para Fernández Rego, "o compromiso de Suso foi moi alto, e iso levouno incluso a sacrificar a súa liberdade persoal e a ter que vivir no exilio político. Nuns tempos en que palabras como 'xustiza', 'progreso' e 'liberdade' escaseaban e os valores da Galiza intentaban ser anulados, Suso Vaamonde erixiuse coma o bardo que o país precisaba". 

Ensaísta musical

O autor desta biografía, Fernando Fernández Rego, traballa como profesor de educación secundaria e administra a web musical LaFonoteca.net, ademais de ser o responsábel da sección de música da revista Grial e escribir en varias revistas especializadas.

Ten publicadas varios ensaios sobre esta temática como o libro-CD 50 Anos de pop, rock e malditismo na música galega (2010) e Galicia en clips (2012), este último xunto ao escritor e guionista Pablo Portero. Na Editorial Galaxia tamén publicou Unha Historia da música en Galicia 1952-2018.

Tamén escribiu outras biografías como a da banda de Lugo Los Contentos, Cuando Ríes. Los Contentos (Unos Malditos Pioneros del Garage)" (2014), xunto a Piti Sanz, e a de Andrés do Barro, Andrés do Barro. Saudade (2015).

Comentarios