Contracultura

Bieito Ledo: "O mérito dos Premios da Crítica vén das máis de 1.500 persoas que participaron nos xurados"

Os Premios da Crítica chegan hoxe á súa 46ª edición e nesta ocasión decidiron recoñecer de maneira extraordinaria Bieito Ledo polo seu papel como presidente fundador dos galardóns.
O escritor e editor Bieito Ledo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O escritor e editor Bieito Ledo. (Foto: Nós Diario)

—Despois de promover a súa creación, cales son as sensacións ao ser recoñecido nos Premios da Crítica?
Supón unha gran satisfacción. Para min, o máis importante na vida ten sido querer e que me queiran. Isto é unha demostración de que a nova xunta directiva está recoñecendo a honra que eu tiven de ser o presidente fundador e de estar aí, traballando activamente, durante 45 anos. O feito de que me recoñezan este labor fai que eu me sinta querido. Entrei de presidente da Sociedade Recreativa do Círculo Ourensán-Vigués na década dos 70 e pouco despois decidimos convertela nunha sociedade cultural que, de feito, nese momento foi a máis activa de todo Vigo. Era un colectivo moi amplo no que intentabamos darlle contido á vida con cousas como, precisamente, manter os Premios da Crítica durante todos estes anos, aínda coas dificultades que se nos presentaban. Son o resultado do tempo que lle dedicamos, xunto co esforzo e algunhas cousas máis amargas.

O noso estilo de vida, xa que eramos mozos con moitas inquedanzas, tamén facilitaba que se deran este tipo de iniciativas, desde un concurso de novos intérpretes de piano até clases de micro ordenadores nas que fomos pioneiros no Estado español cando comezaron a chegar a nós internet e as novas tecnoloxías. Por aí desfilaban persoas de todas as ideoloxías da época sen distinción. Tamén tivemos a sorte de que a cidadanía apoiou a nosa iniciativa de maneira constante. Agora é fundamental que haxa esta renovación da xunta directiva, para poder seguir realizando este traballo e durar outros 45 anos máis. 

—Como unha maneira de aceptar a renovación, mais sen esquecer o pasado e as orixes, non?
Exacto. A Galiza é un país moi vello, mais que o estamos reinventando e creando constantemente. Hai países, como Luxemburgo, Suecia ou Suíza, que xa están feitos e só poden medrar tendo máis cousas. Nós, polos avatares da historia, por estar aquí sen comunicacións e con estradas e trens chegando tarde, temos un país que aínda está por facer. Temos unha maneira de ser moi intelixente, moi observadora, por iso dubidamos. Mais para dubidar hai que ter, cando menos, dúas alternativas. Pola nosa maneira de ser, pola historia que traemos, dubidamos, pero iso que nos botan os demais como un defecto temos que convertelo nunha virtude. 

—Despois de 45 anos traballando de maneira activa neste eido, como foi vendo a evolución e o recoñecemento que recibía a cultura galega?
Na medida na que a Galiza foi mudando, a cultura tamén foi mudando, claro. Daquela só había unha universidade, non existía a estrada Vigo-A Coruña-Ferrol, tampouco a estrada cara a Madrid, a economía era inferior, había poucas editoriais... Despois da ditadura e polas necesidades da democracia había un afán de reconquistármonos a nós mesmos de maneira que a cultura se foi multiplicando a través de asociacións da veciñanza, profesionais e demais. Xa non digamos o nivel do audiovisual. Na primeira edición dos Premios da Crítica, á que asistiron arredor de 300 persoas, demos cinco premios, e entre as 35 persoas nominadas só había dúas mulleres. Hoxe en día hai paridade na xunta directiva, nos xurados e nas persoas galardoadas.

O mérito e o recoñecemento que teñen agora os Premios da Crítica son grazas ás máis de 1.500 persoas que participaron, cando menos, algunha vez nos xurados. Esa é unha maneira de que o noso mundo, o que non se ve e que vai por dentro de nós, siga vivo.

No ano 75, en Madrid, o galego era sinónimo de limpabotas e como moito taxista. Cando eu estaba alí recibía todo tipo de comentarios sobre isto. Hoxe xa é outra cousa, temos orgullo de procedencia, de cultura, de falar galego. Aínda falta moito, por suposto, mais estamos no camiño. Podemos dicir que temos cousas das que sentir orgullo: xeografía, arte, música... Incluso a nosa maneira de ser, que é moi amábel e acolledora.

Comentarios