Publícanse as novelas coas que gañou os premios Xerais e Jules Verne

Berta Dávila, buscar a transcendencia no banal

Berta Dávila segue colleitando recoñecementos: con Os seres queridos gañou o Premio Xerais de Novela e, ao tempo, recibía tamén o Jules Verne de Literatura Infantil por Un elefante na sala de estar. A súa é unha mirada que busca desvelar o transcendente analizando "como se constrúe a partir do banal".
Berta Davila. (Foto: Arxina)
photo_camera Berta Davila. (Foto: Arxina)

O banal constrúenos. Mais unha mirada atenta sobre esa trivialidade desvela unha intensidade que, afeitos á rutina do cotián, non sempre percibimos. As novelas de Berta Dávila proporcionan esa mirada, reflexionan -e fannos reflexionar- sobre eses pequenos acontecementos da vida diaria que se erixen en sinais do sentido da existencia. Con Os seres queridos, gañadora do último Premio Xerais de Novela, achégase á natureza dos afectos, ás redes de relacións que definen o noso lugar no mundo. 

Os seres queridos é unha novela sobre os vínculos afectivos e sobre as eleccións”, explica Berta Dávila en conversa con Nós Diario. “Creo que os dous temas se entrelazan. Trata dunha muller que descobre que está embarazada de novo, cinco anos despois de ser nai por primeira vez, e a partir desa experiencia pon o foco no vínculo maternal desde o enrarecemento do cotián, do cuestionamento da natureza dese vínculo. A partir de aí, trátanse outras cuestións como a familia, a pertenza a unha rede afectiva... Fala das escollas nas relacións que creamos cos demais”. 

Ao fondo desa preocupación existe a pregunta de como nos relacionamos co mundo a través dos outros e como iso define a nosa maneira de afrontar a realidade. “En certo sentido, esta é unha novela sobre o amor, xa que nos vinculamos ás persoas que amamos e iso sitúanos dentro dunha cadea de relacións. E todo iso constitúe unha pescuda sobre como entendemos a maneira en que amamos e como nos condiciona e nos define como individuos ante os outros. Quizais todo repousa na idea de que o individuo non está só”. 

Todas as experiencias humanas profundas son ambiguas, nunca son rutilantes, e iso é precisamente o que quería reflectir no libro

O mapa de relacións de pertenza

O trazado dun mapa de relacións de pertenza que delimita unha identidade é unha constante nas novelas de Dávila. Un libro seu para a infancia, A fuxida, falaba dunha protagonista que buscaba nesa urdime de afinidades electivas un refuxio ante a inxustiza do mundo. 

“Si que hai unha relación con ese libro, mais case nun sentido de oposición. Nese conto infantil, ante a violencia do mundo, a protagonista refúxiase nos seus afectos e esa rede recóllea. En Os seres queridos, porén, hai unha mirada máis ambigua en canto a en que momentos esa rede nos recolle e en que momentos nos atrapa. Todas as experiencias humanas profundas son ambiguas, nunca son rutilantes, e iso é precisamente o que quería reflectir no libro”.

A escrita como instrumento de disección

Esas escollas están intimamente ligadas tamén cunha escrita, a de Dávila, que enfronta cada vez a dificultade de comunicar desde a depuración estilística e da palabra precisa para transmitir unha determinada visión da realidade. “Este libro trataba de discernir como contar, con que palabras e con que distancia. De que maneira construír unha evocación sen recorrer á metáforas excesivamente literarias”, declara. 

O mundo infantil é o territorio da metáfora pura, e a relación de alguén que escribe coa linguaxe ten que ver con iso, con concibir a lingua como unha ferramenta de estrea, con construír fóra dos significados, entender as palabras como algo case físico

“E si é un traballo de afondamento na escrita das novelas anteriores: en Carrusel, por exemplo, había unha vocación de estilo moi perceptíbel; Illa decepción buscaba un pouco romper a estrutura da novela. As tres novelas constitúen un remanso no que se tratan cuestión parecidas desde escritas levemente diferentes”. 

Na escrita de Dávila existe sempre unha intensificación da realidade que converte en elocuentes os detalles máis nimios. En Os seres queridos, aproveita a aparición da linguaxe infantil para reflexionar sobre ese marabillarse ante o mundo como imaxe da escrita literaria. “O mundo infantil é o territorio da metáfora pura, e a relación de alguén que escribe coa linguaxe ten que ver con iso, con concibir a lingua como unha ferramenta de estrea, con construír fóra dos significados, entender as palabras como algo case físico. Fixarse en como a experiencia infantil abrangue os conceptos do mundo e a posibilidade de conmoverse con eles está tras esa concepción da escrita. E tamén da experiencia da protagonista como nai, porque no fondo o proceso da maternidade é universal, pero ela obsérvao como un enrarecemento. E realmente é un estranamento, implica un cambio identitario un tanto misterioso”. 

“Hai unha certa vontade de contar que determinadas experiencias non teñen por que responder ás expectativas e que a literatura pode recoller esa sensación de ambigüidade que hai en como se experimentan esas cousas. Algunhas das persoas que leron a novela comentáronme que esperaban que se falase doutros conflitos máis habituais sobre a maternidade e que, en cambio, atoparon unha atmosfera máis misteriosa. E precisamente iso era o que me interesaba: falar do cotián como algo estraño. O cotián ten moitas arestas. Se imos ao plano detalle, vemos que hai todo un micromundo que non percibimos detrás de cada obxecto, porque temos moi conceptualizadas as experiencias e non nos paramos a diseccionalas e a cuestionalas, a ver cal é o conflito que se agocha detrás delas”. 

Dávila, que escribiu nun Decálogo da novela para a editorial Euseino que “a novela, se non quere ser tramposa, debe falar do intranscendente e do banal”, insiste en que “o banal, o ordinario, conforma a maior parte da nosa existencia. Polo tanto, para sinalar o transcendente, a mellor estratexia non é enuncialo, senón observar como se constrúe a partir do banal”. 

A identidade a través da mirada dos outros

"Toda literatura propón unha cosmovisión na que se filtra por unha parte a experiencia literaria e pola outra, a experiencia humana, e esa idea de coñecer a identidade das personaxes está en todos os meus libros", explica Dávila. Tamén existe esa pulsión en Un elefante na sala de estar, que trata o tema do suicidio e coa que gañou o premio Jules Verne de literatura xuvenil. Nesta novela, existe un xogo pirandelliano de construción da identidade a través da mirada dos outros. 

"Aí dáse o proceso inverso: fálase dunha personaxe que non está presente e que se vai definindo a través do que os outros van contando dela", aclara Dávila. "Ese era o camiño: ver como os outros te definen fóra dos cuestionamentos que cada un se poida facer a si mesmo".

Comentarios