Berta Dávila e Ledicia Costas, Premios Xerais 2021

O Museo Meirande, Rande-Redondela, acolleu este sábado o anuncio das obras galardoadas. Bérta Dávila gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con 'Un elefante na sala de estar' mais o Xerais de Novela con 'Os seres queridos'. Ledicia Costas levou o Premio Merlín de Literatura Infantil coa obra 'O neno de lume'.

Berta Dávila e Ledicia Costas.
photo_camera Berta Dávila e Ledicia Costas, ganadoras dos Xerais 2021.

O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 26 obras e formado por Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema O neno de lume, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Ledicia Costas e corresponde ao título O neno de lume.

En palabras do xurado, a obra conta a fascinante historia de Morgan, un neno peculiar que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta diante da casa da señora Culpepper xunto cunha enigmática nota que dicía: "Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son O Neno de Lume". Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar. 

Unha novela ao xeito dos contos clásicos

O neno de lume sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios. Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade.

Tras coñecer o ditame do xurado, Ledicia Costas afirmou que "recibir o Premio Merlín faime viaxar sete anos atrás, cando Escarlatina, a cociñeira defunta, foi recoñecida con este mesmo galardón e a miña vida mudou dun día para outro. Coido que por iso este premio é tan especial para min. Por todo o que me trouxo". 

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021

O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 14 obras e formado por Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Elefante, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Un elefante na sala de estar.

En palabras do xurado, Un elefante na sala de estar presenta un grupo de persoas que se vén afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo.

O xurado destacou "a sensibilidade coa que se trata o tema a través dun estilo limpo e coidado e dunha lectura amábel que engancha dende o primeiro momento".

A orixinalidade da novela, dixo, radica "na reconstrución da historia da protagonista a partir de diferentes puntos de vista. A autora recrea diferentes voces (entre elas, familiares, amizades, doutoras…) perfectamente conseguidas que lle dan á novela un ton polifónico. Sen selo, a autora constrúe unha novela coral de lectura doada, cargada de sentimentos, contradicións e cun xiro final sorprendente".

Premio Xerais de Novela 2021

Bérta Dávila resultou, ademias, gañadora da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 44 obras.

O xurado, formado por María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo  (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Seres queridos, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Os seres queridos.

En palabras do xurado, obra gañadora desta edición do Premio Xerais de Novela está conformada pola reflexión sobre a alienación, a fenda abisal que a sociedade crea negando a muller como persoa dende o momento en que se converte en nai. "Unha nai recente é unha muller de loito por esoutra muller que deixa atrás". 

Precisa, atraente e emotiva

"Cunha clara vocación de estilo e cunha prosa precisa, atraente e emotiva, a narradora protagonista configura un magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas, sexan familiares ou non, e afonda no significado do amor maternal e nas arestas controvertidas da maternidade", engadiu o curado.

Após coñecer o veredicto dos xurados, Berta Dávila recoñeceu sentirse "agradecida e afortunada por recibir estes dous premios, porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso. Só podo darlle as grazas ao xurado do premio Xerais por escoller como obra gañadora Os seres queridos, un libro duro pero penso que tamén luminoso, e tamén ao xurado do Jules Verne: é realmente emocionante que a miña primeira novela para xente moza reciba este recoñecemento", concluíu.

Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022. 

Comentarios