A autora compostelá é Premio da Crítica e de Narrativa Repsol

Berta Dávila: "A autoficción resultoume a fórmula máis honesta co lectorado e co relato"

Foi merecedora, na mesma semana, dos premios da Crítica 2019, na modalidade de Narrativa en lingua galega, por Carrusel, e do Repsol de Narrativa Breve por Illa decepción. Coinciden tamén os dous galardóns coa saída do prelo da segunda edición e co anuncio da Editorial Barret da súa tradución, a de Carrusel para o castelán.
1388047303197BertaDavila-DistritoXermar-2013-02
photo_camera Berta Dávila. / Distrito Xermar

—En primeiro lugar, parabéns polos premios. Que significado teñen para vostede?
Estou moi agradecida e moi emocionada con estes premios que, ademais, chegan neste tempo tan raro no que as boas noticias parece que se cotizan á alza. No caso de Carrusel, este recoñecemento é importante para min e, dalgunha maneira, anómalo. E tamén, en certo modo, compleméntase coa recepción que tivo das persoas que o leron, que é o máis importante.

—Por que o define como anómalo? Ten que ver con que sexa unha obra de autoficción?
Polo tipo de libro que é, porque é unha novela breve, enunciada desde unha voz narradora que non é a habitual e porque cando saíu publicado non sabía moi ben como se ía recibir e como se ía ler. Son consciente de que a autoficción é un mal envoltorio, no que caben moitos prexuízos, pero estaba convencida de querer relatar esta historia desde unha perspectiva moi pouco marcada por un narrador externo simulado. E decidín construílo así. Pode supor un risco de cara á recepción e á disposición do libro pero creo que, en xeral, as persoas que o leron entendérono. Foi recibido con moito afecto e iso faime moi feliz. Necesitaba contar esta historia desde unha perspectiva honesta co lectorado e co propio relato e atopei que era a fórmula narrativa que lle acaía mellor á poética do texto.

—En Carrusel hai unha enfermidade, é ela a que leva á escrita ou no proceso da creación agroma a necesidade de falar dela?
En certo modo, está a idea de que a protagonista fai un exercicio de reconstrución da identidade, que lle permita escribir o pasado e tamén o futuro que lle agarda e, nese sentido, acode ás cuestións que máis decisivamente marcan o seu presente, o seu pasado e a súa expectativa. Entón, a doenza mental que aparece é tratada desde a óptica da propia doente, que era algo que quería facer de determinada maneira. Creo que ten todo o sentido dentro do libro pola relación que presenta unha doenza destas características coa identidade de quen enuncia e coa identidade familiar, no sentido de herdanza xenética e de relación coas persoas que no seu pasado padeceron a mesma doenza, ou coa relación que pode ter a enfermidade coa súa descendencia. De aí tamén o título de Carrusel, que ten que ver coa idea dos cabalos que xiran nunha especie de roda na que hai circunstancias que che tocan, coas que tes que pelexar, e que determinan dunha maneira moi profunda quen es.

—Na anterior novela, Emma Olsen tamén volvía, tamén facía unha procura. Hai paralelismo entre as obras?
Supoño que si existe, porque hai moitas cousas que teñen que ver co que a min me interesa escribir e ás que lle dou voltas. En certo sentido, paréceme normal nunha, escritora. Algo que me supuxo un peso á hora de escribir esta novela foi que, ao comezo, trataba de facer un libro case por oposición ao anterior, trataba de escribir algo que fose a toda costa distinto, até que me decatei de que era un pouco absurdo, porque unha escritora non ten por que ofrecer un variado, non é unha carta dun restaurante, pode ofrecer o tipo de libro que lle interesa escribir. En moitos sentidos si entendo que hai certas cuestións que os unen, como tamén se conectan con outros libros de poemas meus, e paréceme que son inevitábeis cando unha se propón escribir sobre o que verdadeiramente lle interesa ou lle importa.

—Defina o seu proceso creativo. É un ou son moitos? O mesmo na narrativa que na poesía?
Creo que, en xeral, o meu proceso creativo non é un, senón que hai un proceso para cada libro. Si que hai algo que é moi constante, e é que son unha escritora de mapa. Din que hai escritoras de mapa ou de compás, aquelas que planifican durante moito tempo ou as que collen un camiño e conducen por el. Para min o proceso da escrita ten moito que ver con que unha novela ou un proxecto medre na cabeza e permaneza moito tempo aí. Que se vaia erguendo un andamio arredor de todo un universo. Despois é cando me poño a construír. Unha vez que sento a escribir, os libros xa levan bastante tempo en min ou en proxecto. Isto é o que máis teñen en común os distintos traballos. Logo, existe unha diferenza notábel entre escribir poesía e narrativa. A primeira ten máis que ver cun proceso case inverso. Van xurdindo os poemas até que me decato de que hai unha colección, e empezo a traballar a arquitectura do libro. Pero, en xeral, cada libro é un proceso distinto e o de Carrusel foi diferente a todos, máis intermitente e máis demorado. 

A imposibilidade da escrita en 'Carrusel'

"Parte de dúas premisas", di Berta Dávila ao referirse ao bloqueo creativo que integra a sinopse de Carrusel. "A primeira premisa é a da propia narrativa, unha autora que afonda unha etapa na que non é quen de escribir e que ten moito que ver coa idea de que comeza a ser urxente para ela narrar unha historia que non quere deixar de contar". Fóra do argumento da propia novela, a autora explica que "por outra banda, era o primeiro libro para min, despois de varios anos nos que a idea de publicar unha nova obra me custaba, non era algo polo que tivese urxencia, e durante un tempo longo nin sequera me apetecía moito ou dábame medo". Conta que a súa escrita "foi demorada e intermitente, o que ten moito que ver con pasar tempo pensando sobre como escribir esta novela e, supoño que iso, se reflicte na obra e na miña relación con ela e co obxecto físico que logo foi o libro".

 

Comentarios