A belga 'Stephanie' faise coa Ánfora de Ouro desta edición do FIC Bueu

Homeless home é nomeada mellor curta galega nun festival que tras dez días concedeu ao filme belga Stephanie o premio principal.
Intre da gala de premios. (FIC Bueu)
photo_camera Intre da gala de premios. (FIC Bueu)

O 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, na comarca do Morrazo, puxo fin a dez días de cine o pasado domingo coa entrega dos premios desta edición, resultando vencedor o filme belga Stephanie, que recibiu a Ánfora de Ouro e o premio de 2.000 euros.

“A historia de Stephanie é moi pequena e sutil, así que é máis especial saber que atopou o camiño cara aos vosos corazóns”, destacou Leonardo van Dijl, director da película protagonizada por unha nena ximnasta, ao agradecer a decisión do xurado.

A curtametraxe estadounidense Huntsville Station fíxose coa Ánfora de Prata e 1.000 euros. Jamie Meltzer e Chris Filippone, directores da obra que narra os primeiros momentos de liberdade de persoas que saen da prisión, puxeron en valor a historia no contexto da pandemia.

O Premio do Público tamén foi parar a outra produción dos Estados Unidos: Hysterical girl, de Kate Novak. A obra aplica unha óptica feminista no único estudo do psicoanalista Sigmund Freud feito a unha paciente muller.

Mellor curta galega

Pola súa banda, a cinta de animación Homeless home, de Alberto Vázquez, recibiu o galardón patrocinado por R á mellor curtametraxe galega.

No que atinxe ao cine experimentar, o premio da mellor curtametraxe recaeu no filme mexicano Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje, de Gabriel Herrera. Como mellor curtametraxe española, foi recoñecida Correspondencia, de Dominga Sotomayor e Carla Simón.

Amais, o exipcio Morad Mostafa por What we don't know about Mariam, fíxose co Premio CREA á mellor dirección.

Noutras categorías, o mellor guión foi para Christoph Lauenstein por People in motion (Alemaña), e Bella (Grecia) considerouse a Mellor dirección artística. No eido da fotografía impúxose Lemongrass girl (Tailandia) e como montaxe máis destacado Still processing (Canadá).

As cintas francesas Dustin e Sër bi fixéronse co galardón de Mellor música e Mellor son, mentres que o premio á maquillaxe e ao vestiario máis destacado acabou nas mans de A holiday from mourning (Países Baixos e Portugal).

A distinción como Mellor actriz foi compartida por Mia Skrbinac, Sarah Al Sa-leh e Mina Milovanović, as tres protagonistas da cinta eslovena Sestre. Ao tempo, Graham Short foi nomeado Mellor Actor pola súa actuación en Ned & me (Reino Unido).

Comentarios