O Barómetro do Consello da Cultura Galega informa do "inicio" da recuperación do sector

O informe deste servizo do Consello da Cultura Galega salienta a mellora no sector. Tanxugueiras e o Camiño de Santiago son as accións máis destacadas polas empresas e organismos que participaron.
As Tanxugueiras, un fenómeno positivo para o sector cultural (Foto: Facebook)
photo_camera As Tanxugueiras, un fenómeno positivo para o sector cultural (Foto: Facebook)

A crise semella quedar atrás para as industrias culturais galegas. É o que asegurou o Observatorio da Cultura Galega, un servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), tras presentar hoxe o último barómetro do sector.

Segundo o informe, un 43% das empresas e entidades consultadas aumentaron a súa facturación ou orzamento e as súas previsións para 2022 son, na mesma liña, "moi positivas". Hakan Casares, coordinador do Observatorio, explica que a pesar destes datos, hai que ter en conta que moitas viñan de "anos espantosos". 

Neste sentido, un 51% agarda que medre a súa facturación en 2022, sobre todo nas artes visuais, o teatro ou a danza. En todo caso, un terzo das empresas cren que non se recuperarán até 2023 ou máis adiante.

No emprego a situación sería de "estabilidade", cun 70% que non pensa variar os seus postos e un 21% que valora incrementar o persoal. Con todo, un 49% atopa "dificultades" para contratar profesionais. 

En relación coa igualdade de xénero hai "certo equilibrio nos cadros de persoal" cunha presenza maior nas administracións públicas (62%) e moi menor nas de pequeno tamaño (32,4%). Os ámbitos máis masculinizados son as artes gráficas ou a música e os máis feminizados as bibliotecas, os arquivos e as actividades das administracións públicas. 

No capitulo das subvencións, un 53% das entidades solicitou axudas o ano pasado e concedéuselle a un 47%. No campo da internacionalización, só un 21,1% realizaron accións para incrementar a difusión no exterior. Un 32% non se dirixe ao público internacional.

Xacobeo e Tanxugueiras 

O Xacobeo 2021-2022 tivo un pegada desigual. Sete de cada 10 entidades din que o primeiro ano non tivo ningún impacto nelas e só un 26,8% considera que as accións ligadas ao Xacobeo foron positivas. As máis conformes foron as administracións públicas, museos e patrimonio cultural.

Como debilidades sinalan a pandemia, a falta de investimento e a falta de apoio institucional, unidos á falta de visibilidade e formación e á existencia dun mercado pequeno. No outro lado da balanza, o informe fala de fortalezas relacionadas co talento e a calidade, pondo como exemplo o Camiño de Santiago e a candidatura das Tanxugueiras.

Comentarios