Discurso de fin de ano

Mensaxe de fin de ano: Feixoo fía a recuperación en 2022 ao Xacobeo e a superación da Covid

No discurso de fin de ano, o presidente Feixoo vangloriouse das taxas de vacinación e do exemplo do pobo galego nesa cuestión, apuntando o Xacobeo como elemento crucial deste novo ano.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante a súa mensaxe de Fin de Ano de 2021. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante a súa mensaxe de fin de ano de 2021. (Foto: Xunta da Galiza)

As familias que sufriron falecementos por mor da Covid-19, as persoas que se atopan nos centros hospitalarios coa doenza e as profesionais sanitarias que están en primeira fila recibiron as primeiras dedicatorias do discurso de fin de ano de Alberte Núñez Feixoo, presidente da Galiza.

Na intervención desde o Monte do Gozo, o mandatario tamén agradeceu o traballo do persoal das residencias, mestras e mestres, membros de Protección Civil e forzas de seguridade, recoñecendo que a Covid-19 foi o principal condicionante do ano que remata.

Apelando aos esforzos de todas estas persoas, destacou a redución do impacto da pandemia e valorou como un logro “que a taxa de mortalidade sexa a máis baixa da Península”.

Non obstante, esta afirmación non se corresponde coa realidade, os datos do Instituto de Estatística estatal indican que, de feito, a Galiza supera en dous puntos porcentuais a media de mortalidade estatal, de 10,4 decesos por cada 1.000 habitantes, ao alcanzar 12,17 pasamentos por 1.000 habitantes.

Outro dos aspectos que salientou é a taxa de vacinación, que cualificou como unha das taxas máis altas do Estado español e de Europa, o que supón “un exemplo de responsabilidade e solidariedade”, lembrando a Medalla de Ouro da Galiza outorgada ás e aos profesionais que impulsaron a campaña de inoculación.

Nese sentido, definiu os compostos contra o SARS-CoV-2 como “fundamentais para ver a luz ao final do túnel”, asegurando que “os galegos somos quen de superar os obstáculos e chegar a bo porto”, para o que puxo como exemplo as 11 medallas das e dos deportistas galegos nos Xogos Olímpicos de Tokio.

No discurso, Feixoo tamén abordou o 40 aniversario do Estatuto da Galiza, que implicou o comezo do “camiño de maior progreso da nosa historia recente”, subliñou, incidindo en que este período foi unha mostra de “que ser leal non é incompatible con ser reivindicativo” e manter “a identidade e as raíces”.

Sen competencias na etapa de Feixoo

Así e todo, nos 12 anos de goberno do Partido Popular non se produciu nin unha soa transferencia de competencias á Galiza, malia as reiteradas declaracións de Feixoo de que o país ten que asumir as mesmas competencias que Catalunya e Euskadi, que si que aumentaron as atribucións neste tempo.

O Xacobeo foi outra das cuestións que sinalou, colocándoo xunta a evolución da pandemia e a recuperación económica como os elementos fundamentais que marcarán 2022, no que catalogou como “pedras no camiño” as “novas ondas, a suba do custo da vida e o prezo da luz”.

Para enfrontar esta situación, confía en que a Galiza “conta cos instrumentos para facer fronte ao virus e por suposto está preparada para aproveitar os fondos europeos”, o que permitirá “xerar emprego e avanzar nun novo modelo máis verde, máis innovador e máis xusto”.

Comentarios